A proposta de aprobación do Proxecto básico e de execución para a Remodelación da Praza de Armas, redactado polo arquitecto don Carlos A. Pita Abad, en novembro de 2017, será elevado este luns 27 a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación.

Así o confirmaron este mediodía en rolda de prensa o alcalde, Jorge Suárez, e a concelleira de Urbanismo, Infraestructuras e Mobilidade, María Fernández Lemos, logo de que tivera entrada no Concello a notificación da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, no que a administración galega conclúe que “non procede pronunciamento algún por parte desta DX sobre o citado proxecto toda vez que o exercicio das competencias urbanísticas corresponden, exclusivamente, ao Concello de Ferrol”.

Unha vez recepcionada esta derradeira resolución, asinada o 8 de agosto, queda expedito o camiño para iniciar de inmediato o procedemento administrativo de aprobación e contratación do proxecto para a remodelación da praza de Armas, que ten un prazo de execución aproximado de seis meses desde a sinatura do contrato.

Jorge Suárez , alcalde :“Quero amosar a satisfacción do Goberno local por poder sacar adiante unha obra nuclear e comprometida, un proxecto participado e aberto froito dun concurso prestixioso no que participaron medio cento de estudos e traballamos para cambiar a faciana da cidade comenzando polo centro

Unha obra capital e prioritaria para a equipa de Goberno de Ferrol, tal e como se manifestou en multitude de ocasións, que ten o seu reflexo nos orzamentos aprobados para o 2018 e que permitirá recuperar para a veciñanza un espazo público ao pé do Pazo Municipal cun deseño que se aproxima ao aspecto orixinal da praza, verde, aberta e accesible como corazón do centro dunha cidade pensada para os peóns e o desfrute colectivo.

Esta obra implica o peche definitivo –o vindeiro 1 de setembro- dun aparcadoiro soterrado nos baixos da praza que, logo de esgotar a súa vida útil, atopase  nun estado deplorable e que entrañaba un risco para a seguridade pública, tal e como acreditan sucesivos informes técnicos, o derradeiro, e moi contundente, elaborado no mes de maio polos enxeñeiros municipais e profusamente documentos que conclúen con toda claridade que “a instalación non reúne as condición de seguridade, salubridade, e ornato público para o seu uso”.  Sobre a superficie da Praza xa estaba vixente  unha restricción para a celebración de eventos públicos e concentracións, precisamente pola fonda preocupación deste Goberno a respecto da seguridade da estructura.

O alcalde, Jorge Suárez, lembraba hoxe que “o longo camiño” para reformar a Praza de Armas, “pese a  todas as dificultades e trancos, e sucesivos informes” deu un paso mais, “no que se impón a legalidade e o sentido común e que ven a ratificar o que xa dixeramos hai meses: que non é necesario un informe da DX Urbanismo porque o propio PEPRI xa establecía que corresponde ao Concello de Ferrol a competencia urbanística”.

Pola súa banda, a concelleira María Fernández Lemos, tamén incidía hoxe en que, pese as dilacións e reviravoltas administrativas nos despachos autonómicos durante estes catro meses, para dilatar os prazos da reforma, a competencia urbanística era i é do Concello de Ferrol, tal e como defendeu o Goberno desde o inicio.

O 26 de abril tivo entrada de rexistro por correo certificado o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia ao respecto do proxecto da Praza de Armas. O informe recepcionouse na Administración local 7 días despois da xuntanza do Consello Territorial de Patrimonio celebrado na tarde do xoves 19 do mesmo mes na Coruña, ao que asistiron o alcalde e a concelleira.

Tamén en abril, o día 27, a Comisión do Plan Especial da Magdalena e Ferrol Vello ditaminara favorablemente ao proxecto do Goberno local para a remodelación da Praza de Armas,  que prioriza a recuperación do deseño orixinal dun espazo público emblemático ao pé do Pazo Municipal, que se abre a veciñanza como espazo verde e accesible e de desfrute colectivo.

Con todo, desde Urbanismo, remitiuse o proxecto a DX de Urbanismo da Xunta de Galicia, que ven de achegar –neste mes de agosto- esta última resolución que certifica que a competencia é do Concello de Ferrol, polo que a intervención para a recuperación da Praza de Armas, un proxecto ambicioso e froito dun concurso internacional e aberto de arquitectura coa colaboración do COAG no que tomaron parte medio cento de arquitectos, ten vía libre.

‘LUGAR DE TODAS’, UN DESEÑO QUE RECUPERA O ASPECTO ORIXINAL DE ARMAS

A remodelación do espazo da Praza de Armas, así como o acondicionamento da súa contorna inmediata, que comprende aproximadamente unha superficie de 7.000 metros cadrados e permitirá recuperar un espazo aberto, verde, accesible, conforme a criterios de urbanismo axeitados ao século XXI, coa prioridade nos peóns, como epicentro da dinamización do centro histórico da cidade.

O Goberno local mantén a súa folla de ruta para levalo a cabo que pasa por elevar o proxecto a Xunta de Goberno Local do luns 27 para a súa aprobación, que da pé ao inicio do expediente de licitación da obra, que se estima en algo menos de 1,8 millóns de euros con cargo a dúas anualidades.

Os primeiros pasos para a remodelación da Praza de Armas arrancaban en 20 de  xullo do ano 2016 coa publicación no Boletín Oficial da Provincia publicou do anuncio do concurso de proxectos para a remodelación e acondicionamento da praza de Armas de Ferrol.  O concurso estivo organizado pola Concellería de Urbanismo de Ferrol, coa colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), a través dun convenio e tomaron parte medio cento de arquitectos con cadanseu proxecto. O gañador, en marzo de 2017,  foi Carlos Pita Abad, coa proposta ‘Lugar de Todas’.

PEONALIZACIÓN DO DERRADEIRO TRAMO DA RÚA REAL E APARCADOIRO DISUASORIO CON 168 PRAZAS EN CANIDO

Toda vez que o 1 de setembro, quede clausurado o aparcadoiro de Armas, procederase a sinalización do  tramo da rúa de Real que discurre fronte ao Pazo Municipal, entre Ruvalcaba e a rúa da Terra, e que pasará a ser peonil como o resto da rúa. Así está previsto por parte da área de Seguridade no camiño cara unha cidade pensada para as persoas.

Doutra banda, a concelleira apuntaba hoxe que xa se pechou un acordo cos propietarios dunhas parcelas na parte alta da cidade, preto do Centro Cultural Torrente Ballester e con acesso pola rúa Pardiñas, no que se habilitarán -tan pronto como remate o proceso administrativo- un aparcadoiro libre con 168 prazas útiles para o estacionamento de vehículos entre tres e cinco minutos a pé do centro da Magdalena que dará servizo tanto ao centro como ao barrio de Canido.

A maiores, estúdanse outras posibilidades e medidas alternativas co mesmo obxecto a fin de paliar a perda de prazas no aparcadoiro que se pecha e que, de acordo aos informes técnicos, están amplamente compensadas cos aparcadoiros do Cantón de Molíns e da Praza de España, ademais do Mercado e da Alamenda, a escasos metros do Concello.

“Entendemos a preocupación dos cidadáns pero o aparcadoiro de Armas chegou ao final da súa vida útil e o corazón na nosa cidade ten que ser peonil”, rematou Lemos.