23 xullo 2016

O luns, ás sete, remata o prazo de achegas aos documentos base. A partir de ahí, abrirase un tempo de negociación, moderado pola xestora

A mesa xestora da Marea Constituínte celebrou hoxe, en Compostela, a súa segunda xuntanza e acordou reiterar o convite a todos os axentes do cambio para  participar no acto que terá lugar o vindeiro 30 de xullo en Vigo. Nesa cita poderanse referendar as bases políticas e programáticas e o modelo de primarias cos que a candidatura do noso espazo político se presentará as eleccións autonómicas deste ano.

O único necesario para asistir é asinar o manifesto dos tres alcaldes, mareaconstituinte.gal

Hai que lembrar que o prazo para facer achegas aos documentos base xa está aberto, e remata o vindeiro luns ás sete da tarde. Para presentalas é necesario o aval mínimo de 10 persoas asinantes do manifesto dos alcaldes. Cada grupo poderá presentar unha achega, total ou parcial, a cada un dos textos, respectando o mesmo formato de pregunta e resposta que xa teñen e conservando a orde definida para que a súa tramitación sexa o máis sinxela posible. Deben enviarse ao correo marea@mareaconstituinte.gal antes das 19:00h do luns 25 de xullo.

A partir desa hora, iniciarase un un proceso de transacción para tentar chegar ao máximo consenso sobre os textos de cara ao acto de Vigo, mediante o traballo conxunto entre as persoas responsables das achegas e os grupos redactores dos documentos base.  Neste proceso, o papel da xestora será o de mediación, pero non tomará ningunha decisión política. Os acordos serán responsabilidade das partes.

Á reunión da xestora asistiron Sara Outeiral, Modesto Renda, Sara Torreiro, Antón Sánchez, Xan Xove, David Bruzos, Verónica Campos, Guillermo Crego, e os tres alcaldes, Martiño Noriega, Jorge Suárez e Xulio Ferreiro.

Nos próximos días, informarase da localización exacta da Marea Constituínte e da orde do día a tratar.

mareaconstituinte.gal