Ferrol, 10 de decembro de 2020

O pasado 8 de abril de 2019, o goberno de Ferrol en Común, iniciaba o camiño da remodelación do Mercado de Caranza, coa adxudicación da súa reforma por un importe de 800.000€, e que contemplaba un espazo moderno, axeitado aos tempos, cumprindo coa accesibilidade e con 16 novos postos para os placeiros e placeiras que levaban case 30 anos reclamando melloras no mercado municipal, dando así resposta a súa demanda frustrada noutros mandatos anteriores.

Así pois, este mercado foi un investimento de cidade primordial e moi importante que permitiu mudar por completo a faciana do mercado que se converterá, sen dúbida, nun revulsivo para a vida no barrio cunha clara aposta polo comercio de proximidade, local e de atención personalizada, para desenvolver un círculo de economía local que permita a recuperación social da nosa cidade.

Pero non todo foi un camiño de rosas, pois a obra rematouse sen problemas mentres o cambio de goberno converteuse nun problema en si para este mercado. Fixo falta unha moción, numerosas notas de prensa, demasiadas reclamacións nas comisións e varias concentracións no mercado, para que o goberno de Angel Mato, tomara a decisión que podía ter tomado dende o principio: a adxudicación dos postos e a definitiva apertura do mercado de Caranza.

E aquí estamos, inaugurando moi tarde este mercado municipal, un proxecto de cidade e para a cidade ao que nin se queira a corporación é invitada formalmente. A descortesía á que nos ten acostumados o goberno local non deixa de sorprendernos.  

Dende Ferrol en Común compartimos a ledicia dos placeiros e placeiras pola (por fin) apertura do mercado e queremos felicitalos por non cesar no seu empeño de ver este espazo convertido nun mercado de calidade que mellora non só os seus postos de traballo se non tamén a nosa cidade. Pero, lamentamos que a celebración véase escurecida pola actitude desconsiderada que amosa o Alcalde desta cidade cos seus compañeiros e compañeiras de corporación cos que non amosa nin un ápice de decencia.