Ferrol, 6 de maio de 2021

Este goberno, que dá as costas á cidadanía organizada en todos os eidos, veciñal, como a falta de locais para a AVV de Recimil, cultural, como o menosprezo as entidades que protexen o legado de Carvalho Calero, medioambiental, votando contra a paralización dun proxecto eólico insostible, quere agora dilapidar a historia viva do deporte feminino nesta cidade.

O Club Esquío leva décadas desenvolvendo a súa actividade na nosa cidade, son centos de persoas as que pasaron pola súa formación en ximnasia rítmica, e ocupaba un local de forma privada dende 1987 en forma de aluguer. A situación económica, a pandemia e o agravio comparativo con respecto a outras entidades, leva a esta entidade ao risco de desaparición, ao non dispor de instalacións dignas.

Á solicitude dun local no pavillón de Esteiro non recibe máis que o silencio dun goberno xordo e plutocrático, que ante a man tendida resposta coa voadura de pontes e a soberbia para tapar as súas incapacidades notorias.

Non é o único club prexudicado, o Valdetires vén de reclamar reiteradamente o pago dunha subvención de máis de 20.000 euros perdida por un trámite administrativo, pero cun gasto efectivamente realizado e a todas luces legal, de desprazamentos dos seus equipos e que o desleixo de Ángel Mato e o seu impago conduce a outra entidade senlleira ao bordo da desaparición.

Non podemos deixar de recoñecer a traxectoria de Maca Cabaleiro, mención especial da Gala do Deporte 2018, fundadora do Esquío, a finais dos anos 80, no que segue traballando, promocionando este deporte desde a base, fomentando un crecemento integral das nosas ximnastas e potenciando esta disciplina, recoñecementos que non serven se non teñen un apoio palpable.

Dende Ferrol en Común instamos a este goberno a menos fastos de fotos e visitas reiteradas aos mesmos lugares de obras do mandato anterior, e que aprendan o significado da palabra traballo, que en política tradúcese en escoitar á sociedade civil e achegar solucións democráticas para as súas problemáticas, non nun paternalismo iluminado que non aporta máis que decepción e perplexidade na cidadanía.