Ferrol, 25 de outubro de 2021

No pasado mes de setembro levamos a Pleno unha moción relativa ao programa “Xadrez na Escola” que non foi posible debater por falta de tempo e por falta dunha nova convocatoria de Pleno Extraordinario, quedando pendente para o seu debate neste Pleno de outubro xa que a situación deste programa escolar é exactamente o mesmo: nin se está realizando, nin houbo ningún avance para reimplantalo nos centros escolares.

Jorge Suárez dicía fai un mes que “parécenos vergoñento que se anule esta actividade amparándose no Covid ou en problemas administrativos”. Ultimamente non deixamos de oír a escusa dos problemas administrativos que ten o goberno local para sacar adiante cuestións de cidade coma a subvención do club Valdetires, a cal aínda está pendente de solución; o peche dos locais de ensaio, asunto que tamén ocupará un punto na orde do día deste Pleno ou o retardo nas actividades extraescolares. Todo isto pon de manifesto a incompetencia do goberno municipal, que non é quen de lidiar e sacar adiante proxectos e programas que benefician a gran parte da cidadanía coma é, neste caso, o “Xadrez na Escola”.

Dende FeC gustaríanos lembrar que esta actividade leva 18 anos realizándose da mesma maneira, funcionando con éxito en tódolos centros públicos e concertados da nosa cidade e sendo unha das actividades máis queridas polos nenos e nenas, familias e directivas de centros escolares que así a demandan, ademais de ser unha capacitación que axuda a incrementar as habilidades sociais, autonomía, concentración, memoria e respecto polos rivais.

Coma xa denunciamos fai un mes, a causa principal desta morte anunciada para o xadrez na cidade é novamente o goberno de Ángel Mato, empecinado en destrozar por inanición o que en Ferrol ven funcionando á perfección.

Por todo isto, dende FeC instaremos ao goberno municipal á sinatura de forma inmediata dun contrato menor para a impartición do programa «Xadrez na Escola» co Círculo Ferrolá de Xadrez para que dea comezo coma moi tarde no segundo trimestre escolar, así coma estudar as alternativas administrativas para que este servizo non se deixe de prestar, xa que suporía a súa falta o decaemento dunha entidade senlleira como é o Círculo Ferrolá de Xadrez e, con el, a perda dun sinal de identidade de Ferrol, a práctica de algo máis que un deporte, que leva décadas implantado na sociedade local.