Ferrol, 19 de xaneiro de 2022
A Cabana é un barrio que se encontra nunha contorna idílica pero que non conta co mantemento adecuado para que os poucos servizos que ten atópense nun estado axeitado para o seu uso. Isto é o que está a pasar coa pista polideportiva, o seu arranxo é unha demanda que os veciños e veciñas deste barrio están a reclamar dende fai demasiado tempo.
FeC xa solicitou ao goberno local que se incluíra unha partida nos orzamentos para a reparación dos peches perimetrais da pista deportiva así coma das súas porterías que se atopan nun estado deficiente que incluso pode ser perigoso para a rapazada que acode a xogar asiduamente a este espazo.
Ante a inminente convocatoria dos fondos POS, FeC quere insistir de novo na necesidade de reparación desta pista deportiva da Cabana, propoñendo a súa inclusión dentro dos proxectos que o goberno local presente para o Plan de Obras e Servizos que convoca a Deputación da Coruña cada ano.
Recorte dos fondos do POS para Ferrol
Doutra banda, dende Ferrol en Común, consideramos que a Deputación da Coruña está a maltratar a nosa cidade rebaixando cada ano que pasa a cantidade consignada no Plan de Obras e Servizos.
Gran parte da nosa cidade é rural e estes fondos da Deputación van destinados en case a súa totalidade a mellorar os servizos destas zonas e barrios, polo que un recorte nos fondos significan que a zona rural queda sen a penas recursos para acometer as demandas que cada ano precisan.
O ano pasado, FeC xa puxo de manifesto gran minoración no reparto de fondos que sufriu a nosa cidade por parte da Deputación da Coruña fronte ao silencio do goberno municipal. Este ano volvemos a presenciar a mesma escena, unha Deputación que fai unha achega que non alcanza nin os 60.000€ e un Alcalde calado, sen reclamarlle nada e sen loitar polos intereses da cidade que goberna.
Así mesmo, dende FeC, consideramos que se Valentín Formoso chega á Xunta de Galicia algunha vez e vai desenvolver este modelo de xestión e reparto, Ferrol pódese ir preparando, pois cada ano demostra a pouca importancia que ten para el a nosa cidade.
Ano | POS+ | POS Adicional |
2018 | 859.037,55€ | 180.850€ + 86.419€ |
2019 | 753.659€ | 444.600€ |
2020 | 534.845€ | 45.325€ + 169.971€ |
2021 | 477.554€ | 158.120€ + 282.358€ |
2022 | 316.572€ | 56.988€ |