Ferrol, 17 de agosto de 2023

Está mañá tivo lugar a Comisión de Participación, Promoción Económica, Fondos Europeos e Organización Interna na que se levou por parte do goberno municipal a proposta de Regulamento de Organización Interna que pretenden aprobar no vindeiro Pleno de agosto.

Ferrol en Común presentou unha batería de achegas para mellorar e modificar dita proposta de regulamento que explicamos a continuación.

O novo regulamento contempla que para constituírse coma grupo municipal é preciso ter coma mínimo 2 concelleiros/as cando ata agora só era precisa unha soa persoa. Opoñémonos a dito cambio, pois cando unha forza política entra na corporación municipal debería de constituírse igual que o resto de forzas políticas, en grupo municipal e cos mesmos recursos, coma viña facéndose ata o de agora.

Por outra banda, xa expuxemos o noso rexeitamento a limitación da liberdade de expresión a través da estipulación de 2 mocións por plenos e do control das intervencións. Ferrol en Común considera que isto é unha clara intención de acalar á oposición e a veciñanza e relegala ata a mínima expresión dentro da corporación municipal. Con este novo regulamento, a oposición conta con 15 minutos ao mes para realizar a súa acción política no Concello de Ferrol, unha cuestión que nos parece absolutamente inasumible, polo que lle solicitamos ao goberno local eliminar calquera tipo de limitación de expresión e de presentación de mocións.

En canto aos postos de nova creación voltamos a posicionarnos en contra e en tal caso, solicitámoslle ao goberno local que a elección das persoas que vaian a ocupar estes postos de traballo, que consideramos inecesarios pois non veñen a dar solución ao escaso cadro de persoal que sofre o Concello, sexan polos procedementos de selección de persoal negociado cos sindicatos e non a libre designación coma propón o goberno do Partido Popular.

Por último, e en aras de mellorar a Ordenanza de Organización Interna do Concello, solicitámoslle ao goberno local que se redacte aplicando as normas da linguaxe inclusiva e que contemple o uso do galego coma lingua na que os cargos do Concello deben expresarse en calquera acto, coma ven recollido na propia Ordenanza de Normalización Lingüística vixente, cuestión que se está a incumprir en todo momento polo goberno actual. Para rematar, propuxemos a inclusión do sistema de actas en formato dixital para axilizar á propia administración.