Ferrol, 22 de febreiro de 2022

Ferrol é unha cidade vencellada ao deporte. A súa diversidade deportiva, con múltiples disciplinas practicadas, e nutrida dunha base sólida de nenos e nenas instruídos na cultura do deporte, na convivencia e fomento de valores como o respecto e a igualdade, non se corresponde coa actividade política desenvolta en torno ao deporte.

Son moitas as instalacións deportivas construídas nas últimas décadas do século XX, na súa maioría permanecen como o día da súa inauguración, pero soportando as inclemencias do paso do tempo. Adestramentos con goteiras, instalacións sen baños ou vestiarios dignos, problemas para homologar instalacións e choques constantes coas respectivas Federacións pola desidia do goberno municipal, están a dilapidar un dos valores inmateriais máis importantes da cidade.

Vémolo cada día na práctica deportiva nas instalacións de FIMO, nos clubs de remo aloxados nunhas naves decrépitas, nos campos de céspede artificial sen renovar, nunha pista de atletismo sen homologar e así cada unha das instalacións deixadas na cidade como agasallo dunha Xunta de Galicia que agora se desentende delas, e imposibles de soportar por un orzamento municipal máis dirixido ás grandes obras a modo de mausoleo, como os cinco millóns de euros que van ir destinados á Rúa da Igrexa, cinco millóns que resolverían non todos pero moitos dos problemas que impiden a práctica deportiva da mocidade en Ferrol.

A flamante promesa electoral de recuperar o Padroado de Deportes ou órgano similar non so non foi cumprida, se non que o deporte municipal pasou a ser un apéndice polo que non se ten ningún interese, denigrado con privatizacións e recortes de persoal, indignación dos clubs nos sucesivos atrasos para cobrar subvencións ou mesmo crises que case fan desaparecer entidades insignias da cidade, como o club de fútbol sala feminino, Valdetires.

Un novo episodio ábrese agora co Racing de Ferrol, referencia comarcal do fútbol e club cunha masa social fiel que fai cidade, levando o nome de Ferrol por todo o territorio nacional. Se no mandato anterior déuselle un pulo, pola imposibilidade legal de manter dende a administración local a titularidade das accións, captando inversores solventes e do país que non viron acompañado o seu esforzo pola administración.

O inicio do expediente para a redacción dun convenio para a cesión do estadio desenvolto dende a área de patrimonio no mandato anterior entrou no máis absoluto secretismo neste mandato: non houbo ningún tipo de información aos grupos da oposición en comisión, non se sabe dende que departamento y en que condicións se está a desenvolver e mesmo foi levado un borrador no mes de xaneiro a unha comisión de facenda sen os informes pertinentes.

Dende Ferrol en Común consideramos que cando menos debera debaterse cos grupos unha proposta, que poida ser negociada, acordada e elevada a pleno cos informes pertinentes e que cumpra co beneplácito de todas as partes implicadas. Tres anos de mandato parecen máis que suficientes para ter enriba da mesa un documento redactado, do que non se deu conta de maneira formal en ningún momento aos grupos da oposición. Unha masa social de miles de persoas da cidade, un club con máis de 100 anos de historia que leva o nome de Ferrol a todo o territorio e unha actividade de base referencia da cidade, merecen unha solidez xurídica que permita desenvolver investimentos e avances no crecemento da entidade e, en consecuencia, da cidade mesma.

Por iso, levaremos unha moción a este Pleno de febreiro na que lle solicitaremos ao goberno local que dea conta de forma inmediata do estado de tramitación do Convenio de autorización demanial ao Racing Club de Ferrol SAD sobre as instalacións do Estadio Municipal da Malata, e a súa elevación ao pleno do Concello de Ferrol no vindeiro pleno que se celebre.