Ferrol, 16 de marzo de 2022

No día de hoxe o concelleiro Suso Basterrechea denunciou nunha rolda de prensa o estado de desmantelamento da biblioteca municipal, un servizo dos máis concorridos da nosa cidade e que está a perder a súa esencia e calidade dende que goberna o alcalde Angel Mato.

A biblioteca municipal conta con 70 anos de historia, nos que foi incrementando pouco a pouco os seus servizos e modernizándose para adaptarse aos usuarios e usuarias, “unhas melloras que co goberno de FeC tiveron grande repercusión, tamén en grande parte pola implicación e esforzo dos funcionarios e funcionarias municipais” explicaba Basterrechea.

O Concelleiro manifestaba que “a semana pasada reduciuse o persoal de biblioteca de 12 traballadoras a 5, repartidas en varias quendas, o que supón unha merma de 7 persoas que atendían ao público”, o que irremediablemente suporá unha rebaixa na calidade do servizo. Así mesmo, lembraba que “co noso goberno a biblioteca funcionaba en horario continúo, pero na actualidade ten un horario de mañá e outro de tarde, pechando ao medio día, unha franxa demandada polos usuarios/as”. Doutra banda, “outro dos recortes que está a sufrir a biblioteca é a cancelación dos préstamos interbibliotecarios, un dos servizos máis utilizados” explicaba o edil.

Igualmente, Suso Basterrechea explicaba que “as medidas impostas pola pandemia da Covid-19 seguen presentes na biblioteca municipal cando na maioría dos espazos xa non se están a conservar, o que implica que non se poidan utilizar os ordenador ou non se poida realizar a consulta e manipulación directa dos libros que ocupan a biblioteca”, sendo servizos altamente demandados pola biblioteca.

“Estamos a sufrir un alto deterioro dos poucos servizos que se prestan plenamente de forma pública na nosa cidade” dicía o concelleiro, polo que lle solicitamos ao goberno municipal o aumento da plantilla do persoal de biblioteca, sendo unha cuestión fundamental para nós manter a calidade do servizo público coma é a biblioteca municipal. De igual xeito, demandámoslle ao goberno socialista que retome o convenio de colaboración coa Universidade da Coruña polo que os alumnos e alumnas de títulos coma Humanidades, Documentación ou Biblioteconomía poidan realizar a parte práctica na biblioteca municipal da cidade.

Por todo elo, o concelleiro de FeC pedía esta mañá en rolda de prensa volver a poñer a biblioteca no lugar que merece coma servizo esencial que é e dar resposta a multitude de queixas dos usuarios e usuarias e tamén dos propios traballadores e traballadoras en cando a merma e deterioro dos servizos e recursos de esta instalación municipal, polo que dende FeC demandamos o aumento de prazas, a volta ás actividades, exposicións e contido do que gozaba a biblioteca, que se retome o convenio coa UDC e en definitiva, volver a poñer en valor á biblioteca cun servizo de calidade tal e coma víñase facendo anos atrás.