Ferrol, 19 de xullo de 2022

O pasado venres 15 de xullo o goberno local convocou a Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación que terá lugar mañá mércores 20 de xullo, algo totalmente normal se non fora porque dentro da orde do día aparece a proposta de aprobación do expediente de contratación do prego do servizo de mantemento de Parques e Xardíns, un prego que leva sendo motivo de disputa máis de 2 anos.

Para poñer en antecedentes, o servizo de mantemento de xardíns leva sen contrato dende 2009, foron moitos os intentos de realizar un novo prego de condicións que aglutinara todas as melloras, as demandas e as necesidades que ten este servizo pero os intentos quedaron frustrados ata este momento no que os traballadores xa se atopan nunha situación grave e tanto eles, coma nós, levamos máis de 2 anos solicitando a elaboración dun novo prego que cumpra con todas as partes.

Despois de intensas protestas e xornadas de folga por parte dos traballadores de parques e xardíns, e da aprobación de 3 mocións plenarias, numerosas roldas de prensa e algunha que outra xuntanza convocada a “regañadentes”, o goberno local leva o prego a unha comisión sen previo aviso, sen informar nin negociar con ninguén, e o máis grave, sen dar traslado de dito prego aos grupos municipais, pretendendo que se vote a cegas.

Dende FeC cualificamos de “tomadura de pelo” a actitude do goberno local, pois non podemos votar un expediente do que descoñecemos absolutamente todo. Non sabemos se se cumpre coa prevención e cos epis dos traballadores/as, non sabemos que zonas verdes son as que están dentro do prego, descoñecemos se se cumpre cos dereitos e reclamacións laborais dos traballadores…

Neste sentido, Ferrol en Común tamén aféalle ao goberno local o seu habitual modo de proceder: falar coa prensa antes que cos grupos municipais. O goberno amosa con este comportamento unha falta de respecto total aos grupos municipais e aos seus votantes, pois non é lóxico que se dea conta en rolda de prensa dos detalles dun prego que non tiveron a decencia de enviar aos grupos municipais para que poidan estudalo, coma membros desta corporación, co fin de ditaminalo na Comisión correspondente, así coma emitir o seu voto no Pleno.

Ferrol en Común ten gran interese en que o prego de mantemento de parques e xardíns sexa unha realidade, pero ten que ser un prego no que se cumpra cos dereitos dos traballadores e as súas máis que xustificadas demandas laborais, un prego que abarque máis zonas verdes que a día de hoxe están sen incluír, un prego que mellore o material, ferramentas e epis cos que se traballa e un prego que sexa competente para realizar un bo mantemento da nosa cidade. Pero todo isto soamente será posible se o goberno local céntrase e dáse conta de que gobernan en minoría, polo que é preciso diálogo e negociación e dende logo o que é primordial é que dea traslado do expediente de contratación aos grupos municipais para que poidan estudar, facer achegas e emitir un voto en consecuencia.