Ferrol, 7 de febreiro de 2023

Esta mañá os concelleiros Jorge Suárez e Suso Basterrechea ofreceron unha rolda de prensa xunto aos membros da Asociación Veciñal de San Xoán – O Bertón para demandar unha actuación urxente na Praza Rosalía de Castro, unha intervención que estaba comprometida polo goberno local grazas ao acordo de orzamentos entre PSOE e FeC.  Ademais disto, tamén abordaron as numerosas e necesarias demandas que acumula o barrio e que o Alcalde, Angel Mato, non foi capaz de darlles solución.

En primeiro lugar, o voceiro de FeC, pronunciábase explicando que “a reforma da Praza Rosalía de Castro é unha débeda histórica co barrio de San Xoán – O Bertón, asumindo parte da nosa responsabilidade, pero dende logo non se nos pode achacar polo menos o esforzo de tratar de mellorar o barrio nalgún sentido”, poñendo coma exemplo a aprobación do proxecto da Cidade da Seguridade, o que deixaba libre a sede da policía local que ía ser destinada coma novo local social da Asociación Veciñal, un proxecto que Angel Mato tumbou en canto chegou á alcaldía e deixou a Asociación sen un local digno para desenvolver a súa numerosa e demandada actividade.

En segundo lugar, Jorge Suárez explicaba que “durante a negociación dos únicos orzamentos do mandato, Ferrol en Común deu o seu voto favorable a cambio dunhas condicións moi concretas e pactadas coa veciñanza” e enumeraba algunhas delas coma “o desenvolvemento dunha renda social básica, incrementar a participación cidadá nos asuntos do Concello, o saneamento da zona rural ou, neste caso, a reforma integral da Praza Rosalía de Castro”, que foi incluída no anexo de investimentos cun orzamento para 2021 de 50.000€ para o desenvolvemento do proxecto e outro de 450.000€ para 2022 en concepto de execución da obra. “Estamos no 2023 e observamos coma se lles presta atención a outras zonas, se amplían prazos da obra da fachada do Concello, se invisten 5 millóns de euros na rúa da Igrexa… pero en canto a praza Rosalía non temos máis que un debuxiño, máis aló diso, non se avanzou nada” indicaba Suárez.

O concelleiro de FeC, afeáballe ao goberno local a súa actitude fronte ao acordo de orzamentos asinado no seu día, sinalando que “o goberno contou cos nosos votos en base a uns proxectos que se negociaron pero a súa deslealdade é maiúscula cando ningún dos investimentos que se comprometeron foron executados, mentres outros, de interese máis personalista, si se están a desenvolver”.

Antes de darlle a palabra ao Presidente da AVV San Xoán-O Bertón, Jorge Suárez reivindicaba que “se vai haber outro goberno de progresa nesta cidade, que é o que queremos, agardamos que as actitudes sexan outras e as lealdades sexan mellores que as que aconteceron nestes últimos 4 anos”

Pola súa banda, Andrés Medín, facía constar o seu enfado co goberno local, considerando que o barrio de San Xoán – O Bertón ficou abandonado durante estes últimos 4 anos. “Levamos anos reivindicando esta praza, é a mellor que temos e onde reúnese a maioría da veciñanza pero agora está rebentada e con piscinas, é mellor tela pechada polo perigo que acarrea” explicaba o Presidente da AVV.

Ademais da deixadez amosa coa Praza Rosalía de Castro, Medín poñía o foco en outros proxectos que non atopan apoio nin saída por parte do goberno local, “o centro de saúde está paralizado, o goberno local non contestou aos 3 requirimentos da Xunta de Galicia, sendo un servizo esencial non só para San Xoán se non tamén para San Pablo, Catabois, Santa Icía e Leixa e para desconxestionar o Fontenla Maristany” sinalaba Andrés Medín.

Outras das obras que enumeraba Medín era o campo de fúltbol, ao que non se lle prestou a mínima atención nestes 4 anos e o local social da Asociación Veciñal, a cal quédase moi pequena para todas as actividades que programan dende a asociación e que contan cunha gran afluencia de público.

Suso Basterrechea, pola súa parte, facía alusión a parte máis cultural das demandas, indicando que “durante o mandato de FeC tiveron lugar importantes e populosos eventos na Praza Rosalía de Castro que hoxe está inservible”, uns eventos que o propio Presidente da AVV catalogaba de “éxito total” e “por iso é tan importante a reforma desta Praza, porque é un punto destinado a encontros da veciñanza, un espazo para reivindicar a figura de Rosalía de Castro e un lugar importante coma espazo cultural” afirmaba Basterrechea.

Para rematar, o concelleiro facía unha proposta “ampliar a rede de bibliotecas da cidade trasladando a do Inferniño ao barrio de San Xoán, para dar servizo a un gran número de poboación, cumprir coa normativa en canto a distancia entre bibliotecas e apostar por reactivar a rede de bibliotecas da nosa cidade”.