Ferrol, 19 de abril de 2023

Dende Ferrol en Común consideramos que o acordo do goberno de coalición de lexislar a cesión de uso das vivendas pertencentes á Sareb é un primeiro e magnífico paso para garantir o dereito constitucional á vivenda e solicitamos que o goberno local realice un mapeo para coñecer onde se atopan as do noso municipio e comezar as negociacións coa Sareb.

Fai uns días o presidente Pedro Sánchez anunciaba un acordo do goberno de coalición polo que máis de 50.000 vivendas que se atopaban en mans da Sareb, coñecido coma “banco malo”, se mobilizarán para destinalas ao aluguer con prezos asumibles para a sociedade.

En concreto, reservaránse 21.000 desas vivendas para poñer a disposición de municipios e comunidades autónomas e 14.000 que xa están habitadas pasarán a aluguer social, polo que instamos ao goberno local a realizar dende xa un mapeo para coñecer onde se sitúan esas vivendas co fin de que sexan cedidas ao Concello e ampliar o parque público de vivenda, evitando que acaben sendo parte da especulación en forma de venta a inversores coma fondos voitres ou semellantes.

Entre o 2014 e o 2021 o aumento medio do prezo da vivenda foi do 11% e o do aluguer dun 45%. En Ferrol, aínda non estamos a sufrir dun xeito acuciante as situacións que supoñen un verdadeiro problema para a veciñanza doutras cidades coma Coruña, Santiago ou Madrid, pero xa se está a notar un incremento no prezo da vivenda que aínda estamos a tempo de frear.

A Sareb ten unha débeda con toda a sociedade. O chamado “banco malo” foi creado por Rajoy e De Guindos no 2012 para comprar os “activos tóxicos” das entidades bancarias rescatadas con diñeiro público. Tamén foi o diñeiro público o que financiou a esta entidade no 95% e mentres a súa débeda e perdas son públicas, as súas casas e solos seguen sendo xestionadas con criterios privados e vendéndose a prezo de saldo para enriquecer aos fondos de inversión.

Ata agora, o PSOE resistiuse a modificar a política de vivenda pero neste momento se abriu a este acordo polo que a Sared pasará a ser un instrumento da política pública de vivenda o que supón unha grande oportunidade para os Concellos de xestionar os seus propios inmobles e terreos con fines públicos e sociais.

Segundo os nosos datos, en Ferrol hai 66 vivendas, 34 anexos, 27 obras en curso, 23 solos e 13 terciarios que pertencen a Sared, polo que dende FeC consideramos moi importante que o Concello tome as rendas neste asunto e actúe para situar todas estas propiedades co fin de incorporarse coma activos para a veciñanza co obxectivo de garantir o acceso á vivenda, especialmente ás persoas máis vulnerables e ás que teñen máis dificultades.

Tamén instamos ao goberno local a que investigue se o campo de fútbol de San Xoán está afectado por esta nova norma do goberno de coalición e de ser o caso, comece as negociacións coa Sareb e os trámites necesarios para a súa cesión ao inventario municipal.

En definitiva, dende FeC solicitamos que a partir da entrada en vigor da norma, o goberno local inicie urxentemente as negociacións para facerse co dereito de uso e cesión da maior cantidade de inmobles posibles da Sareb na nosa cidade, para adicalos a alugueiro social ou para garantir os dereitos das persoas que actualmente viven en inmobles propiedade do “banco malo”. Consideramos que esta cuestión debe ser unha prioridade nos intereses do goberno local por supoñer un dos dereitos máis básicos das persoas, o dereito á vivenda.