Ferrol, 24 de abril de 2023

Esta mañá o candidato á Alcaldía, Jorge Suárez, ofreceu unha rolda de prensa xunto a Jacobo Lamas, número 14 da nosa candidatura, despois de realizar unha visita ás instalacións deportivas de FIMO, pavillón de A Malata e pistas de atletismo onde puideron testar as deficiencias e necesidades destas infraestruturas da cidade.

Ao comezo da rolda de prensa, Jorge Suárez agradeceu a incorporación de Jacobo Lamas na candidatura, “cremos que do lado do deporte é unha incorporación esencial e ademais coñece coma ninguén o mundo deportivo despois de tantos anos de experiencia no Parrulo e de estar moi involucrado no deporte de base”.

Jacobo Lamas tomou a palabra para explicar que acompáñanos na candidatura porque cre que “as propostas de Ferrol en Común para a area de deportes son de especial importancia para a cidade, sobre todo no que ten que ver co arranxo e mantemento das infraestruturas da cidade e o impulso que é preciso darlle ao deporte base para que poida practicarse en condicións”, así mesmo, destacou coma medida “a creación dun órgano similar ao Padroado de Deportes, onde todos os clubs deportivos teñan voz co fin de tomar as mellores decisións para o deporte entre todos e todas”.

Pola súa banda, Jorge Suárez incidiu no bo momento que se está a vivir no deporte ferrolá, cuestión que “debe ser aproveitada para involucrar a todos os nenos e nenas da cidade na práctica deportiva” considerándoo coma fundamental para o seu desenvolvemento, polo que “as nosas propostas deben pasar por dignificar os espazos onde o practican” indicaba Suárez.

“A indignación do deporte da cidade está máis que xustificada” aseguraba o alcaldable, engadindo que “é preciso o compromiso da Xunta de Galicia para a mellora de pavillóns que ela mesma construíu nos 80 e 90 e deixou abandonados” e explicando que “a mellor ferramenta para ter unha planificación adecuada, calendario de actuacións, recursos propios ou captación de subvencións é ese Padroado de Deportes onde estean incluídos os representantes dos clubes, representantes políticos e representantes do tecido deportivo para priorizar os recursos e saber onde destinarse, co-decidindo entre todos e todas, mellor que que decida o goberno de quenda en prol de intereses propios e políticos”.

Outra das propostas de Ferrol en Común sería acondicionar o espazo de A Cabana, unha iniciativa que xa incluímos na negociación dos orzamentos municipais pero na que non se deu nin un paso. Jorge Suárez explicou que “daría impulso non só aos clubs que xa existen coma San Felipe ou A Cabana, senón tamén para xente que desexe realizar deportes marítimos, coma pasa noutras cidades, onde os deportes naúticos están totalmente articulados na cidade”.

Suárez expoñía tamén que “o deporte coma actividade social non debe limitarse tan só a competición senón que debemos promover o deporte na rúa coma se facía durante o noso mandato, actividades deportivas ao alcance de todas, actividades para os maiores da cidade, xa que o deporte pode beneficiar á vida cotiá de todas as persoas”.

Para rematar, o candidato facía alusión ás subvencións deportivas do Concello, “os recursos que se destinan ás subvencións nominativas son inmensos e debemos dar o paso valente de pasar de subvencións nominativas a subvencións de concorrencia e tamén axudar dalgunha maneira a pequenos clubs a acceder e xustificar estas axudas”.