Ferrol, 29 de abril de 2022

Ferrol en Común, xunto con toda a cidadanía, sairá a rúa este 1º de Maio cos obxectivos claros de reivindicar emprego, prezos xustos e condicións laborais dignas para toda a clase traballadora.

O goberno de coalición está a conseguir avances importantes, sobre todo na área de traballo co aumento do emprego de calidade incrementando o número de persoas que cotizan á seguridade social ou o incremento dos contratos indefinidos, a subida do SMI ou a mellora das pensións. O escudo de protección despregado por este goberno de coalición impediu que se perderan empregos a través da regulación dos ERTES durante a pandemia e tempo posterior, suavizando o impacto da Covid-19 no emprego e permitindo unha rápida recuperación do mercado laboral. Aínda así, non temos que esquecer que a nosa comarca é sempre unha das máis azotadas polo desemprego e por iso, este 1º de marzo saímos a rúa para seguir reclamando traballo e condicións laborais dignas para a nosa veciñanza.

Doutra banda, estamos a vivir un duro momento nos fogares dos traballadores e traballadoras, nos que a inflación está a producir situacións complicadas sobretodo coa subida de prezos da enerxía e dos produtos de alimentación, mentres vense limitada a subida dos salarios. É importante tomar medidas que freen a subida dos prezos que está a empobrecer á clase traballadora.

Debemos seguir traballando unidas para avanzar en dereitos laborais que poñan fin á desigualdade, por iso este 1º de maio debemos chear as rúas. Dende FeC reivindicamos unha vez máis a unidade sindical en días sinalados coma este e apoiamos todas as manifestación que se leven a cabo.

VIVA O 1º DE MAIO! VIVA A CLASE TRABALLADORA!