Ferrol, 2 de agosto de 2024.- Se algo caracteriza a Ferrol en Común é a súa forma de entender a cultura e os catro anos de goberno no que Suso Basterrechea foi concelleiro do ramo, así o demostran. Así mesmo, FeC considera que a política cultural local é un piar fundamental no desenvolvemento social, facilitadora e xeradora de inclusión social e onde a participación e as propostas de acción contribúen a construír á nosa comunidade, e dende logo, a nosa forma de facer cultura dista moito do modelo do Partido Popular.
Xa levamos máis dun ano de mandato e podemos observar coma Ferrol carece dunha programación atractiva, estable e innovadora, onde non hai obxectivos claros nin ningún eixo que fomente a cultura de calidade coma motor. Dende FeC, consideramos que é necesaria unha democratización da cultura e as administracións públicas son quen deben traballar para conseguir que todas as actividades sexan accesibles para todas as persoas, apostando por unha igualdade de oportunidades na participación nas accións culturais e artísticas da nosa cidade, pero o Partido Popular non está a fomentar nin a traballar neste sentido.
Coa presentación das Festas de Ferrol temos un exemplo máis do que significa a cultura para o goberno do PP, xestionadas cos cartos de todas as veciñas e veciños da cidade de Ferrol.
Para Ferrol en Común o goberno de Rey Varela fai unha aposta obsoleta, sen identidade, rancia e chea de actuacións sen contido e con nula creatividade, é dicir, “o de sempre”. Case toda a programación vai dirixida ao mesmo público, sendo actuacións do mesmo estilo e obviando calquera outro carácter musical. Non hai unha aposta pola innovación e menos pola heterexeneidade, así non se consegue ser un punto de relevancia en Galicia, coma anunciaban fai unhas semanas.
Dende FeC consideramos que non son as mellores festas da historia coma as cualifica o goberno de Rey Varela, senón que son unhas festas máis, iso si, cun custo abraiante de máis de 350.000€ tan só en concertos e produción. Lembremos ademais, que fixeron falla dous modificacións de créditos para traspasar fondos doutras areas para festas.