Ferrol, 11 de maio de 2023

Despois do pistoletazo de saída que terá lugar hoxe ás 00.00h co inicio oficial da campaña electoral, Ferrol en Común organiza un acto público, en formato de mesa redonda, mañá venres 12 ás 19.30h no seu local sito en rúa galiano 55. Neste acto, a través de poñentes coma Lorena Dapena, Teresa Vázquez, Francisco Pérez, Manolo Castro ou Fany Gómez, todas elas persoas que forman parte da candidatura de FeC e que levan anos defendendo o público, realizaremos un análise dos diferentes servizos ofrecidos polas administracións públicas e as nosas propostas para reforzalos, así coma poñer sobre a mesa a nosa intención de aumentar a carteira de servizos públicos do concello, remunicipalizando paulatinamente os que sexan posibles.

Dende FeC cremos que todos os servizos que teñan que ver con cubrir as necesidades e coidados da cidadanía, coma poder a sanidade, educación ou transporte, deben de ser públicos, para que o seu obxectivo principal sexa o propio servizo e non a obtención de beneficios. Por iso, somos firmes defensores da municipalización dos servizos, porque pensamos que deste xeito se mellorará a calidade das actuacións e tamén as condicións laborais dos traballadores e traballadoras que formen parte del.

Un claro exemplo témolo co socorrismo do Concello de Ferrol que foi municipalizado durante o mandato de FeC, véndose melloradas as condicións laborais dos socorristas e permitindo aumentar o ámbito de actuación, a mellora dos recursos e o aumentos dos materiais para a prestación do servizo en mellores condicións para todas e todos.

Actualmente, a sanidade reséntese cunha atención primaria deficiente malia que o PP diga o contrario e vote en contra de 50.000 persoas que piden un reforzamento; o transporte público e as conexións da nosa cidade non cobren as necesidades da veciñanza, pese a que o PP publique que se valora cun 8,4 o transporte; a educación pública está quedándose atrás na nosa cidade mentres crece a concertada, porque non se está a facer unha aposta firme por ela; os servizos municipais cada vez están máis e máis mermados sendo deficiente á atención a cidadanía e o mantemento da cidade.

Todas estas cuestións merecen da nosa atención e da nosa implicación para mellorar todos os servizos públicos. Dende Ferrol en Común comprometémonos a traballar de cara a reforzar os servizos que dependan directamente das políticas municipais, coma xa avanzamos, a primeira cuestión que faremos cando cheguemos ao goberno será realizar unha nova RPT que posibilite a cobertura da inxente cantidade de postos de traballo libres que se atopan no Concello, pois sen funcionariado municipal a atención á cidadanía reséntese e os proxectos para a cidade non poden saír adiante. En canto aos servizos públicos que non son competencia local, coma a liña ferroviaria ou o transporte público, xa trasladamos, que crearemos unha fronte común participada por todo o tecido social da cidade con forza suficiente para que as nosas demandan sexan levadas ás outras administracións coma Xunta ou Estado e non as poidan eludir.

#Contigo, é posible ter uns servizos públicos de calidade.