Ferrol, 16 de setembro de 2021

No día de hoxe o voceiro de Ferrol en Común, Jorge Suárez, reuniuse coa Presidenta da Federación Comarcal de Ferrolterra de ANPAS, Lorena Dapena, co fin de poñer en común o déficit á atención educativa que están a prestar as administracións

Por unha banda, mentres o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijoo, inauguraba con triunfalismo na nosa cidade o curso escolar, as organizacións sindicais, anpas e, en xeral, todo o tecido educativo denuncian un recorte a tempos de prepandemia do profesorado, con máis alumnado por aula, menor número de profesorado, máis inseguridade e, en consecuencia, unha rebaixa patente na calidade da educación pública. Cabe lembrar que sen rigor científico e co único fin de reducir gastos en algo tan básico como a educación pública, asumiuse unilateralmente como nova distancia de seguridade 1,2 metros, que dá lugar a ratios esaxeradas, con risco constatado de contaxio e transmisión.

Dende FeC, consideramos que o contexto no que se vai desenvolver o curso escolar segue sendo de pandemia, polo que é preciso continuar coidando a saúde do alumnado e dos profesores e profesoras, e iso só é posible mantendo os desdobres, os ratios e por suposto o reforzo do profesorado.

Non é momento de realizar os recortes educativos que tanto gustan a Feijoo e que sin embargo seguimos vendo ano tras ano, vendo coma non desdobran as aulas por falta de profesores, recortan optativas, e polo tanto a oferta educativa escudándose na falta de alumnado e deixan descubertas prazas de PT, sumamente necesarias para o correcto aprendizaxe dos nenos e nenas con necesidades especiais e supoñendo un auténtico drama para as familias que teñen que loitar por unha educación que lles corresponde por lei.

Doutra banda, o Concello de Ferrol ven de anunciar as futuras actividades extraescolares que se levarán a cabo nos centros públicos, unhas actividades que non contan co consenso dos pais e nais, pois non existe comunicación algunha con eles e elas dende o goberno municipal, ofertando así un modelo que non encaixa coas necesidades das familias.

Dende FeC, consideramos que o Concello de Ferrol debe implicarse moito máis na educación dos nenos e nenas da nosa cidade e elaborar un modelo de actividades extraescolares moito máis ambicioso e contando sempre coa presenza das familias. Estase a prexudicar gravemente ao ensino público dos centros pequenos, primeiro por grupos burbullas pechados que se non alcanzan un número determinado de alumnado decaen, e logo porque iniciado xa o curso a oferta tan necesaria a nivel formativo e de conciliación de actividades extraescolares chega tarde e mal, creando unha discriminación respecto ao alumnado da escola concertada.

Por todo isto, FeC esixe:

1.- A recuperación da distancia mínima entre alumnos e alumnas de 1,5 metros por unha cuestión de saúde pública.

2.- A contratación de todo o profesorado recortado para un servizo público de calidade, co reingreso dos 169 profesores de infantil e primaria e os 420 de secundaria suprimidos, que na nosa cidade afecta a centros como IES Concepción Arenal, IES Sofía Casanova, CEIP San Xoan ou IES Canido.

3.- A intelocución do goberno local coas nais e pais do alumnado, co fin de ofertar un servizo de actividades extraescolares máis eficaz, participado e que realmente posibilite a súa dobre faceta educativa e de conciliación familiar.