Ferrol, 8 de maio de 2024.- Ferrol en Común ven de coñecer a nova de que o goberno de Rey Varela deu de baixa as partidas para o Mercado de Recimil (300.000€), a compra do local social de Ultramar (262.826,33€), a eliminación do tapón da rúa Penas de Guitín (37.173,67€) e a iluminación led no rural (150.000€), cuestións que viñan contempladas nos investimentos dos orzamentos municipais.

A razón da baixa destes catro proxectos municipais comprometidos nas contas locais é o outorgamento dunha subvención directa e extraordinaria ao Racing de Ferrol para a renovación da iluminación do estadio da Malata implantando un novo con tecnoloxía LED, unha obra da que se ten coñecemento dende fai meses pois está dentro dos requisitos que exixe o Regulamento de retransmisión televisiva e que, segundo o manifestado polo propio goberno en comisións anteriores, polo convenio subscrito entre a sociedade anónima deportiva e o Concello forman parte do mantemento que debe asumir o club.

Por suposto, Ferrol en Común é consciente de que o Racing de Ferrol xoga nunha categoría na que se exixen determinados requisitos que teñen que ser cumpridos para continuar na competición e dende logo, non nos opoñemos a que realicen todas as melloras pertinentes no Estadio Municipal da Malata, sen embargo, si nos opoñemos a que se realicen a costa de suprimir investimentos necesarios para a nosa cidade coma a iluminación LED para o rural, que suporía unha gran mellora para a poboación que vive nesa zona e un avance de cara á sostenibilidade; a compra do local social de Ultramar que constitúe unha demanda veciñal dende fai anos; a reforma do Mercado de Recimil que é unha obra fundamental para un dos tres mercados da nosa cidade e para todo un barrio e o tapón de Penas de Guitín, que melloraría enormemente a circulación nesa zona.

Ferrol en Común lamenta que a subvención directa máis alta da historia do concello, por 750.000, euros non se tivera negociado ou comunicado previamente aos grupos da oposición antes de tomar esa determinación unilateral, o que demostra a falta de talante democrático e transparencia do Partido Popular de Ferrol.

Agardamos que o resto de entidades deportivas, sociais e culturais, que constrúen a cidade dende o asociacionismo e o fomento de valores cívicos reciban o mesmo trato cando traten de mellorar as súas prestacións en beneficio da veciñanza, o fomento do deporte base ou o enriquecimento da cultura local.