Ferrol, 15 de maio de 2023

Esta mañá, o candidato Jorge Suárez, xunto con outros membros da candidatura de Ferrol en Común, realizaron unha viaxe en tren con carácter reivindicativo á Coruña, onde foron recibidos pola Marea Atlántica.

Ás 8.40h partía a comitiva nunha viaxe que duraría 1 hora e 32 minutos para recorrer os a penas 53 kilómetros que separan as dúas cidades, que se percorren en menos de 39 minutos pola AP-9. Percorrendo primeiro o tramo Ferrol – Betanzos, agardando 20 minutos no apeadeiro de Infesta e collendo outro tren por outros 25 minutos, unha cuestión que tachamos de total esperpento.

A modernización dunha liña de tren que data de 1913 sen se acometer ningunha mellora é unha demanda histórica pero que ten que formar parte do noso programa de goberno, “este tren é decimonónico e podería ser un vehículo perfecto para conectar dúas areas metropolitanas e que estudantes, persoas que veñen a centros sanitarios, traballadores e traballadoras poderían facer uso dun transporte que non sería moi caro mellorar” explicaba Jorge Suárez.

Ademais, en vista do actual problema de vivenda que está a sacudir sobre todo as grandes cidades, contar cunha boa conexión entre Ferrol e Coruña podería axudar a fixar poboación na nosa cidade, onde os prezos da vivenda aínda non se están a resentir acuciadamente. Do mesmo xeito, as relacións empresarias e económicas veríanse potenciadas polo simple feito de contar cunha conexión que facilite a unión de ambas cidades.

A obra do bypass de Betanzos segue en punto morto, “son 120 millóns e a viaxe podería reducirse ata os 45 minutos, competindo así coa autoestrada” afirmaba o candidato de FeC, expoñendo que “as deficiencias no transporte público son notarias, non só no tren senón tamén nas liñas de autobús, unha concesión da Xunta de Galicia, polo que consideramos que debemos impulsar unha única voz social e política para reivindicar este investimento que se nos debe dende o goberno central”.

Por ese motivo, Ferrol en Común creará unha fronte común con todos e cada un dos axentes implicados nesta demanda e todas e cada unha das persoas que entendan que esta demanda é máis que necesaria para Ferrol, coa que unir forzas en torno a un proxecto e levalo ata o Ministerio correspondente para que se leve a cabo. Cando máis forte sexa o tecido que a demanda, máis fácil é que a obra se execute. E iso é o que queremos conseguir, diálogo político e social para aprobar acordos de cidade que melloren Ferrol.