Ferrol, 1 de agosto de 2023

Ante as decisións do novo goberno da cidade vémonos na obriga de romper o habitual silencio de cortesía dos 100 primeiros días de mandato, pois consideramos de gravidade os pasos atrás que se están a dar respecto a peonalización do barrio da Magdalena.

Se ben é certo, non nos sorprende que o Alcalde tome este tipo de medidas de recuperar o tráfico na rúa da Terra e na rúa Rubalcaba, eliminar a cámara de vixilancia ou modificar o proxecto da rúa Igrexa para dotala de máis aparcadoiros, pois van en consecuencia co seu modelo arcaico de cidade, onde prima o vehículo por riba das persoas.

Sen embargo, non podemos quedar caladas fronte a imposición de políticas de retroceso, cun modelo de cidade que non nos representa nin a nós, nin a maioría da cidadanía; que vai en contra das persoas e da sostenibilidade; un modelo que da pasos na dirección contraria á axenda 2030, ao que se está a ver no resto das cidades europeas, ás zonas libres de emisións e aos espazos para o lecer onde a prioridade é o peatón e o medio ambiente.

A Praza de Armas é o epicentro da nosa cidade, custou moito converter este espazo no que é agora: un lugar de todas, cheo de vida e actividades onde todo o protagonismo é para as persoas. As decisións que Rey Varela está a tomar neste sentido, coma a recuperación do tránsito rodado en Terra e Rubalcaba e os aparcamentos en cada unha delas, representan o retroceso cara unha cidade menos segura, menos accesible, máis contaminada e menos disfrutable para os veciños e veciñas.

Dende Ferrol en Común amosamos unha fonda preocupación polas decisións que se poidan tomar no futuro, xa que todo apunta a que a prioridade do novo goberno local é recuperar o vehículo en todos os lugares nos que sexa posible e darlle todo o protagonismo no centro da cidade, medidas que tan só están a dar resposta as exixencias dunha mínima parte da cidade e unha mínima parte do propio barrio da Magdalena.

O noso modelo é claro, un barrio peonil para as persoas e aparcadoiros disuasorios para os vehículos, seguindo a senda da sostenibilidade e a humanización da cidade para construír un Ferrol atractivo á veciñanza e ao desenvolvemento socio-económico, coma xa se fai en gran parte das cidades españolas e europeas.

Estanse a dar pasos atrás moi serios con respecto ao conseguido en mandatos anteriores e non nos estrañaría ver novas medidas adoptadas neste eido coma aparcar nas zonas verdes de Irmandiños, recuperar o tráfico na rúa Magdalena ou incluso volver a aparcar na rúa real de noite. Ferrol en Común é claro, senón hai marcha atrás non descartamos calquera tipo de acción reivindicativa unindo ao tecido social, que está a favor da sostenibilidade, o medio ambiente e unha cidade para as persoas.