Fará alegacións na correspondente comisión, tanto ao regulamento organizativo como aos orzamentos presentados aos grupos.

Ferrol, 14 de agosto de 2023

No día de hoxe foron entregados aos grupos municipais dous documentos, o Proxecto de orzamentos 2023 e un Regulamento de Natureza Orgánica do Concello de Ferrol.

Dende o noso grupo saudamos positivamente que se presenten ambos, o primeiro sempre necesario para regularizar servizos, persoal e investimentos e o segundo por ser o vixente profundamente obsoleto e moi necesaria a súa revisión.

Dende o noso talante construtivo e sen renunciar aos nosos postulados ideolóxicos, como así expresamos publicamente dende o primeiro momento deste mandato, faremos achegas a estas dúas propostas, co ánimo de enriquecelas e poder sumar en beneficio da cidade.

Porén, debemos facer unha crítica profunda previamente, pois o camiño tomado na modificación do Regulamento de Organización, reinstaura vellos modelos que van contra natura democrática e fomentan o clasismo na administración:

Entendendo a necesaria conciliación familiar e a labor de pedagoxía política que debemos facer, comprendemos que os plenos se regulen para maior claridade e celeridade na adopción de acordos, pero, limitar a dúas mocións por grupo e cunha intervención en primeira quenda de cinco minutos e en segunda da metade, parécenos inasumible, deixando como único espazo político de participación propia institucional no salón de plenos a quince minutos por grupo, o que é a todas luces unha forma de acalar á oposición.

Por outra banda, este regulamento é aproveitado para crear novos postos de traballo directivos, de libre designación e que poden provir de calquera administración: un director de asesoría xurídica, un coordinador xeral, uns directores xerais. Esta nova estrutura xerárquica non casa coa idea que en campaña todos defendiamos: unha necesaria estruturación da administración local, si, pero que empece pola base, dotando de prazas de traballo por oposición libre entre os postos vacantes que existen na actual RPT: administrativos, bombeiros, policías locais, peóns, … unha vez cubertas as vacantes podería ter lugar unha nova estrutura máis eficiente, pero estes nomeamentos “dixitais” auguran que a mobilidade pola base vai ser imposta, en lugar de coberturas de postos máis que necesarios como os antes citados.

No tocante ao Orzamento municipal, quince días parece escaso marxe para a súa socialización entre os colectivos aos que habitualmente nos diriximos, entidades veciñais, sociais, culturais, pero aínda con todo, faremos en comisión as achegas pertinentes resultado do noso programa político e das reunións que mantemos de forma periódica con eses colectivos, tratando de influír nun documento importante do concello e estando abertos a unha negociación honesta e transparente.