Ferrol, 17 de agosto de 2023

O goberno local leva á Comisión de Cultura, Deportes, Festas, Novas Tecnoloxía e Marca Ferrol que terá lugar mañá venres a proposta dos festivos de carácter local para o vindeiro 2024, incluíndo na mesma o 1 de abril, día de Chamorro e o 19 de marzo, día de San Xosé, xa que o día de San Xiao cae de novo en fin de semana.

Dende FeC consideramos que a proposta do 19 de marzo presentada polo goberno do Partido Popular non é a mellor opción, apostando dende o noso grupo municipal polo martes de entroido, unha data que xa foi aprobada o ano pasado.

O entroido é unha celebración que cada vez cobra máis forza entre a veciñanza e dispoñer do martes coma día festivo contribúe á celebración duns festexos que se están a intensificar favorecendo á actividade comercial e hostaleira da nosa cidade.

Así mesmo, o luns 12, o martes 13 e o mércores 14 son datas non lectivas para os nenos e nenas, polo que dispoñer do martes festivo para as familias facilita a conciliación das mesmas.

Dende Ferrol en Común propoñemos que o goberno local asuma coma festivo o martes de entroido que cae en 13 de febreiro, unha data que xa foi asumida o ano pasado cando o grupo popular votou a favor no Pleno.