Ferrol, 27 de setembro de 2023

Logo de reiteradas peticións dende o mes de agosto, o goberno do Partido Popular achegounos, en formato papel, os documentos acreditativos dos modificados de crédito que tiveron que desenvolverse para contratar unhas festas que, segundo a súa versión, partían dun dispoñible de case cero euros para logo anunciar preto de 500.000 euros en contratacións, o que obrigatoriamente tivo que supoñer baixa doutras partidas para sufragar uns cachés de elevada contía e que, a este grupo, facíanos concluír que áreas de sensibilidade social ían ser baleiradas para acontecementos tan mediáticos como son as festas de Ferrol.

O retraso na entrega da documentación tiña claramente un motivo, a procedencia desas partidas que confirmaba as nosas sospeitas.

En primeiro lugar 75.337, 50 € foron transferidos dende a partida de mocidade para gastos das festas de verán. Toda esa preocupación amosada na campaña electoral para que a mocidade teña o seu espazo, que se sentira orgullosa da súa cidade e tivese oportunidades de emprego e lecer, quedou diluída coa sinatura dun simple decreto, que deixou sen posibilidade de desenvolver no que queda de ano ningún tipo de política activa impulsada dende a administración local orientada á mocidade.

En segundo lugar 10.286,38 € desviáronse dende a área de deportes, dende a partida Outro persoal tamén para gastos de festas de verán. Por un lado poñemos o grito no ceo polo estado das instalacións deportivas, acompañamos ás reivindicacións do persoal municipal en folga dese servizo, facémonos eco das queixas dos clubs polos horarios e por outro deixamos sen atender á área con persoal específico por necesidades festivas de consumo rápido, un paradoxo que o goberno pretende agochar e non explica no seu balance de 100 días.

Por último 83.850,63 € da área da Biblioteca municipal, cartos suficientes para reforzar de forma permanente o persoal, e nunha das instalacións máis castigadas do Concello, tamén son sen ningún pudor, con total falta de transparencia fulminados en favor de eventos das festas, feito que por certo non pode ser subsanado nin rectificado, xa que segundo a lexislación unha partida que se baleira de contido non pode volver ser dotada de crédito.

Ferrol en Común quere denunciar a falta de rigor e coherencia do goberno do Partido Popular que con palabras defende servizos que pola vía dos feitos liquida, pide transparencia en todas as modificacións de crédito que se desenvolvan e que rectifique esa política de fogos de artificio, desenvolvendo un goberno que escoite á oposición, que teña máis calado social e que foxa da inmediatez narcisista para avanzar cara un goberno de cidade.