Ferrol, 3 de outubro de 2023

O pasado mes de agosto Ferrol en Común presentou máis de 20 achegas ao borrador dos Orzamentos Municipais para o que queda de ano 2023. Dentro da nosa posición construtiva pretendíamos que senón todas, algunhas das nosas propostas foran tidas en conta, pois cremos firmemente que veñen a mellorar as contas municipais e que ademais son demandas da propia cidadanía.

Todas as nosas achegas foron rexeitadas polo Partido Popular facendo alarde da súa maioría absoluta ou “rodillo” co que aplasta toda proposta ou intención de participación dunha oposición que, recordemos, tamén está representando á veciñanza da cidade.

A inclusión dun Plan sociocomunitario para San Pablo e outro para o barrio de Recimil, o estudo da posta en marcha dunha renda municipal básica coma un recurso útil para as persoas en situación de vulnerabilidade, incrementar os fondos de emerxencia social, recuperar o investimento para as areas de Igualdade e Xuventude, aumentar os fondos na promoción cultural ou desenvolvemento da VI Fase de pasos de peóns accesibles eran algunhas das propostas que Ferrol en Común presentoulle ao goberno local para incluír nunhas contas coa fin de prestarlle máis atención ás persoas e convertelos nuns orzamentos máis sociais.

Así mesmo, as nosas alegacións tamén contemplaban proxectos tan importantes para a cidade e demandados pola veciñanza durante tempo coma a redacción do proxecto de urbanización da Praza Vella, a redacción do proxecto de rehabilitación da Casa do Patínen Canido, a adquisición do Edificio de Suboficiais de Canido para o seu uso público e o desenvolvemento dun proxecto integral para a zona deportiva marítima de A Cabana, todos eles desestimados polo goberno da maioría.

Dende Ferrol en Común afeámoslle a este goberno o nulo talante negociador que amosaron e amosan con cuestións que tan só buscan mellorar a cidade e a vida das persoas. Estamos seguros que con esta actitude a cidadanía é a que sae perdendo. Defenderemos con firmeza a inclusión de todas estas achegas nos orzamentos do ano que ven porque son demandas da propia veciñanza.