Ferrol, 17 de outubro de 2023

Onte tivo lugar unha xuntanza entre o Presidente da Xunta de Galicia e o Alcalde de Ferrol na que semella que o Partido Popular xa puxo en marcha a súa maquinaria pre-electoral de publicidade e propaganda.

Chama a atención que este suposto acordo, que inclúe investimentos para cuestións tan necesarias para a nosa cidade dende o siglo pasado, anúncianse agora, nun uso partidista das institucións, acordando investimentos co diñeiro de todos e todas só cando goberna o mesmo partido, pois durante o mandato de FeC ou do PSOE non se dignaron a pisar Ferrol e a adquirir algún compromiso coa nosa cidade.

Dende FeC consideramos que os anuncios feitos son difusos e pouco concretos, algúns deles xa comprometidos coma o saneamento do rural ou as areas de rexeneración urbana que levan en marcha moitos anos; o mesmo ocorre co suposto de abrir Ferrol ao mar, un proxecto que xa está licitado pola Autoridade Portuaria e que nada ten que ver co Concello nin coa Xunta de Galicia, en canto a competencias.

Doutra banda, o Concello está a aceptar nese esbozo que foi presentado onte competencias que non lle corresponden e por tanto vai asumir gastos que non debera. Non é aceptable que o Concello se faga cargo da construción do pabillón para o IES Ferrol Vello, que é absolutamente necesario, pero que debe asumir íntegramente a Xunta de Galicia, porque é a súa competencia e porque conta con moitísimos máis recursos que son de todas e todos e que non pode xestionar coma se fose un partido político. O mesmo ocurre coas instalacións deportivas da nosa cidade, as cales foron construidas na súa maioría pola Xunta nos anos 80 e 90 e logo abandoadas completamente e agora, a súa reforma vai ser asumida na metade do custo polo Concello, algo que nos parece totalmente ilexítimo e que amosa que nos estamos pregando a outra administración moito máis poderosa.

En todo caso, valoramos que estes proxectos dos que non coñecemos nin tan se quera unha memoria son imprescindibles para Ferrol e polo tanto reclamamos unha Xunta de Voceiros para que se nos explique con claridade ese cronocrama pactado, os proxectos en detalle, a súa orde de actuación e o seu investimento concreto.

Por último, cremos que en todos estes anuncios hai un déficit importante que son as persoas. Descoñecemos coma ese suposto acordo entre Rey Varela e Alfonso Rueda vai influir no emprego da cidade, que investimentos vai destinar a Xunta de Galicia para a creación e consolidación do emprego industrial na comarca, coma se van atender os barrios degradados con falta de atención socio-comunitaria coma San Pablo ou Recimil, coma se vai mellorar un servizo imprescindible coma o transporte público que está deixando a moitísima xente fora dos seus centros educativos, de saúde ou traballo. Semella que estos asuntos non teñen oco na axenda do Partido Popular.

Polo que, dende FeC, cremos que este anuncio pre-electoral tan só ven a cubrir páxinas de papel pois non hai nada concreto e nada fiable e ademais, non parece que vaia a mellorar a calidade de vida das persoas maiores, dos mozos e mozas ou do emprego da cidade.