Ferrol, 2 de setembro de 2024.- Ferrol en Común aféalle ao goberno do Partido Popular a nova ubicación dos fogos de San Ramón que tiveron lugar este pasado sábado, pois había moitas menos zonas de visibilidade e en moitas delas non se chegou a ver nada, polo que se dilapidou o diñeiro público de todas para que só desfrutaran uns poucos.

Os fogos de San Ramón son un acontecemento multitudinario que poñen fin as festas da nosa cidade e ao que acoden gran parte dos ferroláns e ferrolás e moitos nenos e nenas para desfrutar dun espectáculo de fogos de artificio. Sen embargo, este ano o goberno de Rey Varela mudou de localización o lugar dende o que se tiran os foguetes e en consecuencia, as zonas de visibilización tampouco foron as mesmas de sempre, limitando o espazo dende o que a veciñanza podía desfrutar deste espectáculo, pois ao final tan só se puido ver ben dende Curuxeiras.

Ademais, as novas ubicacións indicadas polo goberno local foron un auténtico desastre, pois en dúas das tres zonas aconselladas non se veu nada, coma ocorreu dende a carreteira Alta do Porto ou no barrio da Cabana, onde non se puido gozar dos fogos, deixando a zona rural fora do fin das festas da cidade, amosando unha vez máis un absoluto desleixo e despreocupación pola zona rural e a súa veciñanza.

Así mesmo, temos que denunciar a utilización dun lema político coma é “Feliz Ferrol”, utilizado polo Alcalde en numerosas ocasións, coma mensaxe final das festas de todos e todas os ferroláns e ferrolás.

Doutra banda, dende FeC solicitamos que se exploren vías alternativas aos fogos de artificio que sexan respectuosas coas persoas que teñen alta sensibilidade aos ruídos e cos animais de compañía, as cales xa se están a levar a cabo noutras cidades.

Por último, visto o fracaso da nova localización dos fogos de San Ramón, agardamos que para o vindeiro ano se volva ao lugar de sempre, con zonas de visibilidade accesibles a moitas máis persoas e barrios, así todos os ferroláns e ferrolás poderán desfrutar do fin das festas.