Ferrol, 20 de outubro de 2023

Ferrol en Común ven de rexistrar dentro do prazo legal establecido as alegacións á proposta de Regulamento de Organización Interna que presentou o partido popular.

De novo, a través das nosas alegacións, facemos constar o noso rexeitamento á limitación da liberdade de expresión coa estipulación de 2 mocións por pleno e o control das intervencións. Deste xeito, a oposición conta con 15 minutos ao mes para realizar a súa acción política no Concello de Ferrol, unha cuestión inasumible, polo que lle solicitamos ao goberno local eliminar calquera tipo de limitación de expresión e de presentación de mocións. Consideramos que isto é unha clara intención de acalar á oposición e anular a súa participación na vida política, así coma silenciar á veciñanza e relegala ata a mínima expresión dentro da corporación municipal.

En canto aos postos de nova creación que contempla o Regulamento voltamos a posicionarnos en contra, pois non veñen a solucionar os problemas de persoal que acarrea este Concello dende fai tempo, e en tal caso, propoñemos que as persoas que vaian a ocupar eses postos sexan elixidas polos procedementos de selección de persoal negociados cos sindicatos e non a libre designación coma propón o goberno do Partido Popular.

Esta proposta de Regulamento contempla que para constituírse coma grupo municipal é preciso ter coma mínimo 2 concelleiros/as cando ata agora só era precisa unha soa persoa. Opoñémonos a dito cambio, pois cando unha forza política entra na corporación municipal debería de constituírse igual que o resto de forzas políticas, en grupo municipal e cos mesmos recursos, coma viña facéndose ata o de agora.

Por último, e en aras de mellorar o Regulamento de Organización Interna do Concello, solicitámoslle ao goberno local que se redacte aplicando as normas da linguaxe inclusiva e que contemple o uso do galego coma lingua na que os cargos do Concello deben expresarse en calquera acto, coma ven recollido na propia Ordenanza de Normalización Lingüística vixente, cuestión que se está a incumprir en todo momento polo goberno actual. Para rematar, propuxemos a inclusión do sistema de actas en formato dixital para axilizar á propia administración.