Ferrol, 25 de marzo de 2024.- Na mesma xunta de voceiros na que se nos deu traslado do documento de orzamentos para 2024, o alcalde facilitou aos grupos da oposición unha proposta de modificación de ordenanzas de prestacións patrimoniais de de carácter público non tributarias para o servizo de subministración de auga potable, rede de sumidoiros e tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos, isto é, unha suba da taxa da auga.

Ferrol en Común non pode aceptar este incremento indiscriminado xa que:

– Emafesa non abona o canon debido ao concello, mantendo unha débeda millonaria pola nefasta xestión da parte privada e tamén froito desa mala praxe mantén impagos ás subministradoras eléctricas dende hai anos, pretendendo tapar estas neglixencias vía recadación cidadá.

– A cidadanía non pode subvencionar os desacordos políticos co concello veciño de Narón, polo que novamente instamos ao bo entendemento entre as dúas corporacións, recuperando os borradores desenvoltos entre Augas de Galicia, Concello de Ferrol e Concello de Narón durante o mandato de Ferrol en Común para o abono da depuración de forma reglada e co consenso necesario.

– O propio documento trasladado toma como base para o expediente un estudo técnico-económico remitido por EMAFESA, polo que é a empresa a que propón as novas tarifas e que o goberno local asume sen ningún tipo de discrepancia ou análise externo independente que contraste esa proposta, e máis sabendo que o control da xestión, pola peculiaridade dos seus estatutos, está na parte privada, na empresa SOCAMEX, cuxo beneficio obviamente depende do volume de negocio e da capacidade de ingreso que este goberno local vai consentir.

Ferrol en Común esixe a retirada desta aberración e agresión contra a cidadanía, cun aumento medio dun 5% da taxa e require dunha auditoría independente que aclare a situación económica real de emafesa e xustifique si é necesaria ou non esta suba exponencial, así como a regularizar a relación entre administracións, dende a boa fe e o entendemento co concello de Narón.