Ferrol, 6 de setembro de 2024.- Ferrol en Común ven de participar na concentración que tivo lugar esta mañá no CEIP Ledicia froito do incuprimento das ratios por parte da Xunta de Galicia en dous dos cursos deste colexio público.
Tal e coma explicounos a Directora do centro, as aulas afectadas serían 2º de primaria, onde contan con 26 nenos e nenas e 4º de primaria, onde serían 21 alumnos e alumnas, xa contando en ambos casos coas ponderacións. Ao principio, a Consellería de Educación valorou a concesión dun novo docente a media xornada, pero xa comunicaron ao equipo directivo que finalmente denegábase. e que sexa o propio profesorado existente o que cubra as necesidades coas súas horas libres, unha cuestión totalmente intolerable.
A Xunta de Galicia debe garantir a dotación de profesorado que permita os desdobres precisos e debe cumprir co acordado cos sindicatos do 2023, onde pactáronse unhas ratios máximas por aula de 20 alumnos e alumnas en infantil e primaria e que no caso do CEIP Ledicia estase incumprindo totalmente, obrigándoos a impartir o curso nunha situación precaria.
Dende FeC denunciamos esta irresponsabilidade, falta de compromiso coa educación público e incumprimento dun acordo válido por parte da Consellería de Educación e da Xunta de Galicia, agardando que rectifiquen canto antes e destinen a, polo menos, un docente máis ao CEIP Ledicia.
Así mesmo, vimos de solicitar de xeito urxente unha xunta de voceiros para o vindeiro luns 9 de setembro no que tratar esta problemática que se está a dar nun dos centros públicos da nosa cidade.
Do mesmo xeito, consideramos necesaria a convocatoria dun Consello Escolar Municipal no que tratar todos os problemas que está a ter a comunidade educativa neste inicio do curso escolar, coma é o caso do CEIP Ledicia ou a mala xestión por parte do goberno popular das actividades extraescolares que afecta a todos os centros públicos da urbe.