Ferrol, 10 de setembro de 2024.- Ferrol en Común denuncia a nefasta xestión dos servizos do Concello, onde máis dun ano despois do inicio do mandato, está claro que as prioridades do goberno popular non son atender á cidadanía e á cidade, pois os contratos principais coma a xestión de residuos, parques e xardíns ou suministro eléctrico seguen sen ser licitados e iso plásmase nunha cidade deixada e cun aspecto deplorable.

O servizo de parques e xardíns, que tanto mobilizou aos grupos da oposición durante o pasado mandato, incluído a FeC, segue agardando unha resposta por parte do goberno local que tantas promesas anunciou. O servizo continúa prestándose con máquinas deficientes e insuficientes, vestiarios indignos, condicións precarias e falta de persoal, cunha empresa que, en vista da finalización dos seus servizos, xa non cubre as baixas por enfermidade ou por vacacións, o que impide que os traballadores e traballadoras poidan desenvolver a súa labor dunha forma digna. Unha situación que soamente ten un culpable: a nefasta xestión do goberno popular.

Do mesmo xeito, o servizo de recollida de residuos e limpeza viaria segue sen licitarse e os grupos da oposición descoñecemos o contido do suposto prego. Nin prazos, nin cantidade orzamentaria, nin con canto persoal se vai contar ou que servizos en concreto se van prestar. Actualmente, a limpeza e chapeo de beirarrúas é moi deficiente, coas herbas crecendo por todos os rincóns e cunha limpeza viaria insuficiente causada principalmente polas condicións precarias nas que se presta o servizo e a falta de interese do goberno local en licitar un servizo primordial da cidade.

O mesmo sucede co servizo de rozas, que despois de todo un ano, comezan os traballos agora en setembro, cando a temporal estival xa rematou e toda a veciñanza tivo que asumir un risco importante en todas as estradas da zona rural.

Por último, non queremos esquecernos do contrato do suministro eléctrico, que a falta de interese en licitalo está a causar un incremento multimillonario na factura que se paga por iluminación pública, cantidades que poderían estar destinadas á creación de emprego ou vivenda.