Ferrol, 3 de setembro de 2024.- Ferrol en Común levará ao vindeiro Pleno unha proposta contra o racismo coa que busca sensibilizar á sociedade ante o crecemento da intolerancia e o aumento dos actos de discriminación.
A moción de FeC ten coma obxectivo a declaración de Ferrol coma “cidade libre de racismo e xenofobia”, ademais de promover un traballo coas entidades que funcionan no eido da migración e por suposto, condenar todos os actos e manifestacións racistas que teñan lugar no noso municipio.
A proposta que presentamos dende FeC responde ao interese xeral da convivencia intercultural e democrática e faise moi necesaria nun momento coma este, na que non deixan de medrar os comportamentos racistas e discriminatorios e os discursos do odio, que alimentan estigmas contra a migración e crean alarma social.
Dende logo, non somos alleos ao preocupante fenómeno do incremento da inmigración, pero iso non xustifica os actos e manifestacións contra as persoas que veñen en busca dunha vida mellor, nin podemos permitir que se vexan ameazados os seus dereitos e liberdades fundamentais.
Por iso a moción vai máis aló de declarar o municipio libre de racismo e xenofobia, senón que tamén se aposta por poñer en marcha xornadas de sensibilización e de convivencia intercultural nos centros cívicos, colexios ou institutos.
Agardamos contar co apoio de todos os grupos municipais, pois soamente unidos podemos loitar contra a lacra do racismo e a xenofobia.