Hoxe, o noso concelleiro Suso Basterrechea deu unha rolda de prensa na que solicitou ao goberno do PSOE a creación dunha comisión de Carvalho Calero aberta ás forzas políticas e ao tecido cultural que leva anos traballando niso, como a Fundación Artabria, Bernardo Máiz, Pepe Dobarro e Xosé Manuel Pazos entre outros, coa finalidade da organización dos diferentes eventos que terán lugar o vindeiro ano co motivo da conmemoración da figura de D. Ricardo Carvalho Calero no día das letras galegas, un éxito e un logro fundamental de toda a cidade.

Na rolda de prensa o concelleiro foi preguntado polas taxas culturais que o goberno actual está aplicando as entidades e asociacións da nosa cidade polo uso dos locais culturais como Auditorio ou Jofre, cosa que non se viña facendo co goberno de Ferrol e Común e no que nos posicionamos totalmente en contra “é moi restritivo e afecta moi negativamente ao tecido cultural da nosa cidade, por exemplo, o Conservatorio Xan Viaño que está conectado directamente co Auditorio e que con nós tiña 5 ou 6 actuacións, con este cobro de taxa se volve ás políticas do PP, nas que tiña o acceso restrinxido”.

Suso Basterrechea, evitou facer unha valoración da programación cultural aprobada polo concelleiro de cultura para o vindeiro semestre, pois «é pouco tempo o que leva no cargo» pero sí amosou a súa ledicia pola continuación de ciclos de gran éxito como Fóra do Mapa, Festea ou Jazz da Ría, que o goberno do PSOE manteu na súa actividade cultural e que son tan necesarios para a nosa cidade.