Ferrol, 6 de maio de 2020

No día de hoxe tivo lugar a comisión de urbanismo, servizos e seguridade de xeito telemático. Ferrol en Común interesouse polo estado das obras municipais recepcionadas e as causas da non apertura efectiva, como son Praza de Armas ou o Mercado de Caranza, así como a evolución doutras nas que se debera ter avanzado, como as beirarrúas da Estrada de Pazos ou as envolventes de Recimil, e coñecer o ritmo das obras do saneamento da Malata e a Estrada de San Xoan – San Pedro, dependentes de Xunta de Galicia e Deputación respectivamente, auspiciadas durante o noso mandato.

Da mesma forma puidemos saber que a tempada de praias, se é que o 1 de xullo entramos na fase IV que permitiría o acceso a eses espazos, está garantida cos contratos necesarios de mantemento e instalacións, así como o inicio do expediente de socorrismo.

Preocúpanos especialmente a apertura de espazos públicos para o que, previsiblemente, vai ser un período de distanciamento social alongado no tempo. Valoramos positivamente toda a acción do goberno, tanto no pleno como publicamente, en circunstancias especialmente complexas. Pero hai temas transversais que pensamos dende FeC deben ser tratados non só no seo do goberno, ou mesmo da Corporación.

En 2018 o pleno do concello aprobou o Pacto pola mobilidade, con achegas de todos os grupos municipais e dos principais colectivos sociais, veciñais ou comerciais da cidade. Na súa introdución dise textualmente:

 Ferrol xa está a traballar na procura dun modelo de mobilidade sostible cara un espazo público cada vez máis seguro, accesible e de maior calidade ambiental. Este modelo de mobilidade sostible ten un forte carácter transversal que require do compromiso, corresponsabilidade e participación de todos os axentes e poboación implicada e con capacidade de actuar nos diferentes ámbitos.

Nese mesmo pacto, destinado a conseguir un Ferrol máis accesible, sostible e humanizado contémplase a creación duna Mesa pola mobilidade, que tivo xa unha primeira reunión frutífera no anterior mandato. Dende Ferrol en Común consideramos imprescindible a súa convocatoria, pola súa pluralidade e porque pode servir da ferramenta máis útil para acadar os obxectivos que todos compartimos.

Esta mesa está composta por todos os grupos municipais, SERGAS, Ministerio de Defensa, Autoridade Portuaria, UDC, representación da Mesa de Comercio, entidades veciñais, Consello escolar municipal e Asociacións de diversidade funcional.

En tempos de restrición do vehículo privado, cómpre avanzar nun modelo novo de cidade, con espazos abertos, promoción do transporte público e ampliación a un sector notablemente prexudicado pola pandemia, o sector hostaleiro, abocado a unha recesión particular nestes tempos de excepción.

Só dende órganos plurais e diversos pódese, a través dos consensos, chegar a acordos permanentes de peonalización, que dende diferentes ópticas todos e todas compartimos, e que é preciso cristalizar para conseguir non só unha mellor calidade de vida, se non facer de Ferrol unha cidade máis atractiva socialmente e favorecer o rexurdimento económico e social.

Polo tanto, aplaudindo que a ocupación da vía pública se materialice temporalmente para poder respectar o distanciamento social necesario, cremos, dende FeC, que é o momento de ir máis alá e chegar a unha acción coordinada, coa aprobación da ORE, un plan de peonalización na Magdalena, grazas aos aparcadoiros disuasorios de Sánchez Aguilera e Canido, e o estudo da extensión a outras zonas da cidade, a través da citada mesa e aproveitando a inclusión de Ferrol na rede de cidades que camiñan.