Ferrol, 29 de outubro de 2020

Ferrol en Común valora positivamente a parte social dos orzamentos

Despois dunha primeira ollada aos Orzamentos Xerais do Estado recén presentados, Ferrol en Común valora positivamente o incremento histórico das partidas destinadas ao ámbito social. Tendo en conta a situación que esta a vivir todo o país de crise sanitaria e económica é importante que os orzamentos reflictan medidas que logren conter esta realidade.

Nesta liña consideramos de vital importancia as medidas anunciadas para mellorar o Ingreso Mínimo Vital, unha ferramenta fundamental que constitúe en moitos casos a única fonte de ingresos de moitas familias e que era preciso optimizar o seu funcionamento e máis agora que estanse vivindo momentos moi duros e son moitas as persoas que a poden precisar.

É importante salientar a aposta clara que fai o goberno de coalición pola educación e a igualdade, así coma o amplo investimento que destinan a sanidade, un servizo público que xa antes da pandemia da covid-19 precisa dun reforzo e agora é urxente que os orzamentos do 2021 contemplen este incremento.

FeC valora positivamente que as contas do 2021 plasmen unhas políticas públicas que poñen no centro as persoas, dando resposta aos seus problemas e amosando que as crises non sempre as pagan os mesmos. Pero, por desgraza, lamentamos o nulo protagonismo que ten a nosa cidade nestes orzamentos.

Non hai aposta polo naval, nin melloras no ferrocarril

Ferrol en Común amósase decepcionado xa que Ferrol volve a estar abandoada e desaparecida nos orzamentos do estado. Certo é, que a rebaixa da peaxe AP-9, unha demanda histórica que por fin vese plasmada nestes orzamentos, é unha boa noticia para as comunicacións por carreteira entre as distintas cidades galegas e da resposta a unha das nosas reivindicacións, pero a mesma importancia ten a conexión ferroviaria Ferrol-A Coruña ou a desaparición do talud de As Pías, proxectos que desaparecen do borrador dos orzamentos.

FeC insiste en que a carga de traballo para o naval é fundamental para a nosa cidade e non podemos permitir que ningún dos proxectos que tanto se prometían en campañas electorais non aparezan no proxecto de orzamentos.

Tanto a mellora do tren, que lembremos leva máis de 100 anos sin actualizarse e outros tantos sendo unha demanda colectiva da cidadanía, coma a carga de traballo para o sector naval, son os dous piares fundamentais que Ferrol en Común seguirá defendendo ante o goberno para que se contemplen nas contas do 2021.

Ferrol en Común considera que todo isto pon de manifesto a pouca relevancia que se lle da a Ferrol, unha cidade que precisa de investimentos urxentes no naval para non acabar con máis de 3000 persoas desempregadas nunha comarca que ano tras ano intenta levantar a cabeza mentres ve coma as diferentes administracións fan o mínimo por mantela a flote.