No día de hoxe coñeceuse que foron concedidos 200.000 € de fondos Pareer para a rehabilitación e mellora de eficiencia enerxética na Rúa Narón.

Ferrol, 11 de marzo de 2020

A senda iniciada pola concellería de urbanismo no mandato de Ferrol en Común, facendo unha aposta decidida polo degradado barrio de Recimil, empeza a ver os seus froitos. Calquera persoa que pase pola rúa 10 de marzal ou rúa Narón pode ir comprobando en primeira persoa como está a mudar a súa faciana.

O goberno de Ferrol en Común, co impulso decidido da concelleira María Fernández Lemos, acadou:

–  A integración de Recimil na zona ARRU, o que supuxo unha importante contía de subvención por parte da Xunta de Galicia, a través do Ministerio de Fomento.

– A inclusión de Recimil como un dos principais eixos de actuación na EDUSI, subvención europea de 10 millóns de euros que deberan mudar na forma e no espírito o barrio.

– A captación de 200.000 €, coñecida no día de hoxe de Fondos Pareer, aberta polo Ministerio de Enerxía, ao abeiro das achegas do Fondo Europeo de Desarrollo Rexional da Unión Europea a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, para a mellora da eficiencia enerxética na Rúa Narón, á espera da concesión dunha cantidade similar para 10 de marzal.

Todas estas axudas fan practicamente que o Concello poida traballar a custo cero nun barrio co que a cidade estaba en débeda, sumido no abandono e incluso, en determinados momentos, con proxectos de derrubo.

Queda moito camiño por percorrer: desenvolver o proxecto que FeC deixou redactado de rehabilitación modular de interiores de vivenda e, sobre todo, actuar nas persoas, co impulso ao borrador do Regulamento integral de desenvolvemento do barrio, froito dun traballo transversal entre urbanismo, servizos, seguridade e benestar, para facer un barrio máis habitable, humanizado, integrado na cidade e cun plan sociocomunitario que teña como obxectivo a desestigmatización, a igualdade, a loita contra a xentrificación e a convivencia pacífica interxeneracional.

Ferrol en Común tende a man ao goberno para que estes traballos avancen e poidamos estar á altura do que a cidade demanda de nós: un traballo cooperativo que redunde na mellora da calidade de vida da cidadanía que pretendemos representar.