Ferrol, 20 de decembro de 2022

Chegados a estas alturas, dende Ferrol en Común, podemos afirmar que a xestión cultural levada a cabo dende o goberno municipal é absolutamente mellorable. Poderíamos expoñer infinitos argumentos cos que amosar que lamentablemente todo o sector cultural da nosa cidade está a perder moito dende que goberna Angel Mato, pero hoxe, de novo, imos centrarnos nunha cuestión que vimos denunciando dende fai moito tempo: os locais de ensaio. Outra mostra máis do pouco ou nada que lle importa a este goberno o tecido cultural da cidade.

Ferrol en Común xa alertou por activa e por pasiva de que o día 22 de decembro remataba o contrato menor do que depende actualmente a apertura dos locais de ensaio. Faltan dous días para que chegue esa data e nin nós, nin a empresa adxudicataria, nin a traballadora da mesma, nin os usuarios e usuarias teñen ningunha noticia do goberno local, non saben que vai pasar a partir do 22 de decembro e quizás non nos equivocamos en afirmar que nin se queira o goberno sábeo.

Este goberno leva amosando unha falta total de interese e implicación coa cultura da cidade durante todo o seu mandato, pero isto demostra ademais que lle ten moi pouco respecto non só a cultura se non tamén á veciñanza que fai uso das instalacións e a clase traballadora que non sabe que será do seu futuro.

Dende FeC son moitas as razóns que nos levan a ser insistentes na demanda da continuidade dos locais de ensaio, en primeiro lugar porque valoramos a cultura e ao tecido artístico da nosa cidade e consideramos que este espazo de creación e ensaio é esencial para seguir apoiando e impulsando ao conxunto da cultura; e en segundo lugar, porque é un servizo público e non existe nin un só motivo que xustifique o seu peche, que soamente estaría provocado pola deixadez do goberno de Mato.

Agora mesmo, os locais de ensaio volven a estar na mesma situación que fai un ano, sen saber cal será o seu futuro pola inacción do goberno municipal. No pasado Pleno Ordinario do mes de novembro, no que presentamos moción neste sentido, asegurábase que os locais de ensaio non ían pechar, quedan dous días, FeC non perde a esperanza pero dende logo, o respecto á cultura e á clase traballadora si está perdido por parte do goberno local.