Ferrol, 12 de maio de 2023

O futuro da cidade, a mocidade

Vemos á mocidade cada día nas rúas e prazas, cada vez máis participativa nas mobilizacións sociais, cada vez máis consciente da forza do colectivo, logo da crise de individualismo extremo que vivimos nos primeiros anos do século XXI.

Non se pode negar que o problema principal e máis acuciante, xa estrutural, de Ferrol, é a perda de poboación, indubidablemente vinculada á falta de emprego pola crise industrial reiterada dende que outras instancias quixeron converter á nosa cidade nunha cidade de servizos, unha construción inventada contra natura que agora toca reverter. E ese é o papel da mocidade, valente e loitadora, que afasta as nubes negras nas que vivimos coa súa forza.

Precisamos de institucións fortes e decididas que ofrezan camiños de formación e lecer aos mozos e mozas, para reter todo o seu talento dentro das nosas fronteiras e poder construír un Ferrol mellor e que medre con eles e elas.

Ferrol en Común confía na xuventude para cambiar a orde do preestablecido e acompañalos nesa senda de transformación, por iso estamos convencidos de que teñen que ter un papel fundamental nas políticas municipais, porque son futuro.

Propoñemos facilitar a Casa da mocidade como espacio seguro de encontro, cunha programación pensada para que á rapazada do noso concello teña un lecer e tempo libre de calidade nunha ubicación cómoda e atractiva.

Elaboraremos un Plan de emprego específico destinado á mocidade, con apoio ao emprendemento facilitando e asesorando nos trámites e fomentando o cooperativismo.

Crearemos a Tarxeta +nova de acceso bonificado a centros deportivos, actividades culturais e transporte público.

A vivenda é unha preocupación común a toda a veciñanza pero en especial á xuventude que está a ter moitas dificultades para emanciparse porque o dereito á vivenda non está garantido, por iso, promoveremos unha acción directa sobre esta problemática poñendo a disposición na xuventude ferrolá algunhas das vivendas rehabilitadas do parque municipal de Recimil.

Crearemos o I Plan de Infacia e Xuventude do Concello de Ferrol, que garantice a protección, a prevención e a promoción dos dereitos da infancia e a xuventude, satisfacer as súas necesidades e que promocione a participación.

Desenvolveremos de maneira activa o Consello Municipal da Infancia e Mocidade para garantir unha escoita activa do colectivo e a posta en valor da súa participación nas diferentes áreas da cidade. Dinamizar as mesas de coordinación para conseguir un órgano de valor e de comunicación cara a representación no Consello municipal será unha das nosas medidas.

Proveremos que a xuventude ferrolá participe nas decisións municipais a través de orzamentos participativos, sendo este un mecanismo de democracia participativa que permite ao colectivo influenciar ou decidir sobre os orzamentos municipais a través de procesos da participación da comunidade.

Realizaremos programas e proxectos vencellados directamente coa mocidade, aplicando a trasversalidade nas diferentes áreas e temáticas para engadir sempre a perspectiva e o atractivo para este colectivo (festivais, obradoiros, charlas…). Deste modo, facilitaremos unha canle directa e aberta dende a comunidade educativa (CEIP e IES) aos Servicios Sociais, para poder traballar de unha maneira máis áxil e directa cando surda calquera problemática.