Ferrol, 1 de setembro de 2023

O CEIP San Xoan é un dos buques insignia do sistema educativo público da cidade, exemplo de inclusión, modernidade e innovación na docencia, como así o reflicten os múltiples premios que vén recibindo no pasado recente.

Por desgraza esta labor non se ve recompensada pola Xunta de Galicia, máis ben ao contrario, a supresión dunha liña educativa atendendo a criterios numéricos en lugar de sociais, nun centro que sempre medra en alumnado co transcurso do curso, é un recorte inaceptable que nos retrotrae a tempos non tan afastados, cando se eliminaron prazas de reforzo por criterios económicos, provocando una creba entre alumnos por falta de atención educativa adecuada.

Ferrol en Común visitará o centro este luns á unha, co fin de xunto coa comunidade educativa analizar as posibilidades de reverter esta decisión, que parece unha lousa máis no ensino público en detrimento da escola concertada.

Ferrol en Común considera prioritario preservar a calidade educativa pública, insta ao goberno a socializar esta decisión tomada pola Xunta de Galicia a través do Consello Escolar Municipal e promover que este se posicione, como comunidade ante a Consellería co fin de que se manteñan todos os recursos e liñas no CEIP San Xoan.