Ferrol, 23 de outubro de 2023

Dende Ferrol en Común fixemos unha primeira valoración duns orzamentos que nos parecen, de novo, decepcionantes para a nosa cidade, deixando sen resolver os problemas máis urxentes da urbe, no ámbito do emprego, a vivenda, a atención á mocidade ou no colapso da atención primaria na sanidade pública.

O voceiro de FeC, Jorge Suárez, cualifica estes orzamentos coma “unhas contas que non so non representan un proxecto de cidade, senón que engloban proxectos xa iniciados, como o CHUF, e esquecen outros de vital importancia, como maior dotación para o transporte público ou melloras nos centros sanitarios de proximidade como Ferrol Vello, Praza de España ou San Xoan, entre outros. A maiores, hipoteca as contas do Concello obrigando a asumir o 50% dos custos de posta ao día dos centros deportivos construídos e abandonados pola Xunta de Galicia hai décadas”

Dende FeC consideramos que os orzamentos que a Xunta de Galicia pretende aprobar son simple propaganda que non se ocupan do fundamental: o emprego, a vivenda ou a subsanación da desigualdade social. Todo investimento que veña para a nosa cidade é motivo de celebración, pero nesta anualidade son tan limitadas e irreais as partidas, que moito nos tememos que unha vez máis van quedar en papel mollado, tendo servido unicamente para demostrar o peor da política: as falsas promesas que ademais so se dan cando goberna Concello e Xunta o mesmo partido político.

A Xunta non lle pon remedio aos problemas que a nosa cidade está a sufrir diariamente co transporte público metropolitano e dos que son claramente coñecedores, amosando a súa xa habitual política de precarización de servizos públicos. Así mesmo, a cantidade consignada para a construción da prometida intermodal é ridícula e reiterativa un ano máis, o que pon de manifesto a nula implicación da Xunta coas políticas de mobilidade na nosa cidade.

De novo, vólvense esquecer da rexeneración da nosa ría e realizar o estudio que levan anos reclamando as cofrarías, unha cuestión necesaria e prioritaria para un sector que está a esmorecer por culpa das administracións públicas que non lle poñen ningunha solución.

No mesmo sentido, as partidas para a mellora e rehabilitación das infraestruturas deportivas da nosa cidade, abandonadas pola Xunta nos anos 80 e 90, e que a día de hoxe están a sufrir un gran deterioro provocado por un lado, pola falta de mantemento regular e por outro, por non acometerse as melloras e modernización que serían necesarias para estar á altura do deporte da nosa cidade, son xustamente a metade das que deberan, debendo asumir dende as contas locais un esforzo que de seguro vai ir en detrimento do benestar.

O Partido Popular alardea do gran investimento en sanidade para a nosa cidade referíndose ao xa repetido Plan Director do CHUF que cada ano se leva unha partida orzamentaria nas contas autonómicas, mentres se descoidan os centros de saúde, a atención primaria, as escolas infantís ou os centros de maiores, seguindo así a xa coñecida liña de desmantelamento dos servizos públicos. Igualmente, non hai nin rastro do tan prometido Centro de Saúde para o barrio de San Xoán.

A nosa comarca segue precisando de impulso por parte das administracións para saír a flote da lacra do desemprego e a precariedade laboral, unha cuestión que a Xunta pasa por alto. Así mesmo, a administración autonómica ten competencias en materia de industria que leva anos sen executar e que non inclúe nestes orzamentos para 2024, cos que desenvolver plans de recuperación industrial.

En definitiva, Ferrol en Común considera que estas contas o que demostran é que para a nosa cidade e o seu futuro é imprescindible que se dea un cambio no goberno de Galicia, para que alguén se preocupe dos problemas reais dunha cidade necesaria dun pulo económico forte para recuperar a poboación e mellorar a taxa de actividade e ocupación laboral.