FeC ven de rexistrar unha moción para instar ao goberno local á reactivación do Regulamento de Participación Cidadá para abrir a vida política á veciñanza. Outras das mocións presentadas ten coma obxectivo pular pola condonación da débeda das CCAA condicionada á mellora dos servizos públicos.

Ferrol, 28 de novembro de 2023.- FeC presentou dúas mocións para o Pleno de novembro que terá lugar este xoves 29 ás 19.00h. A primeira das mocións ten que ver coa participación cidadá, unha conexión entre veciñanza é Concello que debe poñerse en marcha dende o goberno local.

Para Ferrol en Común a participación supón establecer mecanismos de información, control e participación na toma de decisións, co fin de complementar a democracia representativa con democracia participativa. Ese é o espírito do actual Regulamento de participación cidadá, vixente no Concello de Ferrol, pero esquecido nun caixón porque, quizais, non interesa dar voz á sociedade civil, organizada ou non, naqueles aspectos que lle afectan directamente.

A participación debe trascender mais aló dunha caixa de suxerencias ou das xuntanzas puntuais coas Asociacións Veciñais, que co seu respectable e inxente traballo tampouco poden abarcalo todo nin recoller todas as opinións da veciñanza.

Logo do recorte brutal no exercicio dos dereitos democráticos aprobado polo grupo actual de goberno, a través do Regulamento de organización que coarta a liberdade de expresión nas sesións plenarias, é necesario un exercicio de oxixenación e abrir vías de participación política.

Dende FeC instamos a que se activen as figuras contempladas no Regulamento de Participación Cidadá: o observatorio cidadá onde articular enquisas populares sobre temas de relevancia, a comisión especial de suxestións e queixas, o defensor da cidadanía e outros mecanismos de participación como asembleas de barrio, foros cívicos, consultas populares, consello de veciñanza, etc.

Doutra banda, presentamos unha moción para instar ás Comunidades Autónomas, neste caso á Xunta de Galicia, e o Goberno Central negocien un Plan de redución condicionada da débeda que a maioría das CCAA teñen co Estado.

Con esta iniciativa pretendemos que se alivie o gasto financeiro e a débeda das Comunidades Autónomas para condicionar os recursos aforrados na mellora dos servizos sociais, educación e sanidade pública e maior financiamento autonómico cara os Concello que soportan dende fai ano medidas inxustas de aforro e falta de financiamento suficiente para os servizos públicos que prestan.

Dende FeC defendemos esta proposta de cancelación da débeda autonómica suxeita a unha condicionalidade positiva, é dicir, os aforros obtidos deben ir destinados a incrementar os investimentos e gastos nos servizos esenciais e públicos e non a rebaixar tributos cedidos. Esta cancelación da débeda non tería custe para as Administracións Públicos senón que tería a capacidade de “obrigar” a incrementar o gasto e investimento público dos servizos esenciais que son os que a cidadanía precisa.