FeC decide por unanimidade en asemblea extraordinaria o seu apoio a Sumar Galicia e fai un chamamento para acudir a un acto de escoita en Canido.

Ferrol, 12 de decembro de 2023.- No día de onte, luns 11 de decembro, FeC vén de celebrar unha asemblea extraordinaria para decidir a súa adhesión aos contidos programáticos de Sumar Galicia, de cara a unha cita electoral en Galicia decisiva para o futuro do país.

O retroceso na calidade dos servizos públicos como a sanidade e a educación, o deterioro do emprego vencellado á industria, a nula atención á nosa mocidade e aos nosos maiores, así como o menosprezo polo medio ambiente, requiren de pasos decididos e valentes no ámbito político, de compromisos que non nos sitúen como meros espectadores e de aí que non chegue con ter dúas deputadas en Madrid que dan soporte ás propostas progresistas do país, senón que debemos ser máis audaces, e ser parte activa dun cambio en Galicia que tan só chegará se Sumar Galicia é parte do mesmo, peza imprescindible para vencer esta longa noite de pedra á que nos somete o Partido Popular.

A nosa comarca, que mantivo a dignidade do voto da esquerda transformadora, ecoloxista e feminista, tanto na cita das eleccións municipais como nas xerais, non pode quedar atrás como nunca fixo no seu compromiso por construír unha alternativa que apele á sociedade civil, a todas as persoas con adscrición partidaria ou non que anhelen unha construción colectiva dun programa orientado á xustiza social, a protexer a nosa industria e cunha política social que garanta os dereitos básicos: a vivenda, o traballo, a igualdade ou a cultura.

É por iso que Ferrol en Común decidiu poñer todo o seu capital político ao servizo de Sumar Galicia e, con fraternidade e voluntarismo, participará no deseño dunha campaña que transmita a idea do país que queremos, dentro dun Estado plurinacional no que Galicia ten que avanzar cara a asunción de máis competencias para reafirmarnos como pobo.

Ferrol en Común considera imprescindible que a esquerda goberne o país polo ben da nosa cidade e o seu futuro: para poder dar o pulo definitivo a barrios degradados como San Pablo ou Recimil, para que a cultura volva a ser un motor social de reafirmación, para acadar metas ata o de agora xeradoras de frustración, como un transporte digno, unha sanidade sen listas de agarda ou un desenvolvemento de políticas industriais que non nos aboquen a vivir unicamente do turismo.

Así, convidamos a asistir ao acto de escoita que ten Sumar Galicia programado no Centro Cívico de Canido o vindeiro venres día 15, ás 19:30 horas, coa intervención do seu portavoz, Paulo Carlos López, coas deputadas Marta Lois e Verónica Martínez Barbero, e co voceiro de Ferrol en Común, Jorge Suárez.